Secretaría Uvigo

MooVi (Moodle 2024/2025)

Podes pórte en contacto connosco no correo soporte.moovi@uvigo.gal

Por favor, intenta aportar a información imprescindible para poder atender o teu caso (código da materia, dni, plataforma empregada etc.).

IMPORTANTE: cando envías unha mensaxe a soporte.moovi@uvigo.gal vas recibir un aviso no teu correo co asunto "Solicitude de asistencia recibida" e no corpo indica que a petición "foi recibida e un novo ticket foi creado", se non o recibes é que o teu correo non chegou. Se non te respondemos no prazo de 48 horas, revisa a bandexa de spam ou correo lixo.

Se necesitas atención telefónica indícanos o teu número de teléfono.

Lembra consultar primeiro as FAQs que están nesta sección, nas que están resoltas moitas das cuestións que podes necesitar.

Ir á FAQ

Podes acceder desde https://moovi.uvigo.gal/

O teu nome de usuario/a é o teu documento de identidade normalizado (con letra, pero sen puntos, sen espazos e sen guións) e o enderezo de correo electrónico asociado é aquel co que te matriculaches.

A primeira vez que accedas deberás usar a función "Esqueceu o seu nome de usuario ou o contrasinal?" para establecer un contrasinal de acceso á aula virtual. Debes facer a busca polo teu nome de usuario/a, que é o teu documento de identidade normalizado (con letra pero sen espazos, puntos, guións etc.) OU polo teu enderezo de correo-e (o que tes introducido na secretaría virtual) (IMPORTANTE: debe facerse a busca por UN SÓ campo).

Recibirás un correo electrónico coas instrucións para establecer un novo contrasinal de acceso.

Ten en conta que:

  1. O correo electrónico que recibes caduca aos 30 minutos. Pasado ese tempo deberás solicitar o envío doutro correo
  2. Se non sabes cal é o teu enderezo de correo en MooVi podes actualizalo segundo "Como podo actualizar a miña conta de correo en Moovi?"

As materias créanse en MooVi ocultas para o estudantado, polo que non serán visibles ata que o profesorado as active.

Ir á FAQ

Este curso 2024/25 actualizamos a plataforma á versión 4.1 de Moodle.

Esta actualización trae diversos cambios e novas funcionalidades que esperamos faciliten o traballo docente e melloren a experiencia de ensino-aprendizaxe. Pode que a primeira vez que accedas á nova versión sintas que son moitos cambios, pero unha vez que te acostumes verás que foron deseñados para que todo sexa máis claro e fácil de usar.

Recomendámosche que consultes no vídeo ou na Guía para o profesorado: principais novidades en Moodle 4.1 os cambios e novidades máis importantes desta versión.

Se desexas máis información sobre Moodle 4.1 podes consultar a documentación oficial: https://docs.moodle.org/all/es/Nuevas_caracter%C3%ADsticas_de_Moodle_4.1

Ponte en contacto con soporte.moovi@uvigo.gal se precisas máis información ou tes algunha dúbida.

Ir á FAQ

Cada curso académico, créanse de xeito automático as aulas virtuais de todas as materias oficiais de grao e máster, polo que non é necesario realizar ningún trámite.

A partir do curso 2023/24, SIGMA é o novo sistema de xestión académica da UVigo.

IMPORTANTE: os datos que cargamos son os que se obteñen directamente de SIGMA,  polo que os datos das materias, grupos, POD e alumnado son os que se sincronizan diariamente con esta aplicación. Cada profesor/a vai ver as materias correspondentes aos grupos nos que imparte docencia.

Ten en conta que as materias se crean ocultas en MooVi, para que o alumnado poida acceder tes que modificar este axuste (máis información aquí: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/axuda/faq/show/ocultar-materia-moovi).

Ir á FAQ

Se en MooVi non che aparece algunha materia, pode que en SIGMA aínda non figures en POD. Para consultalo:

  1. Accede á Secretaría Online (https://secretaria.uvigo.gal) e identifícate mediante o acceso centralizado.
  2. Preme en "Portal académico do PDI".
  3. Agarda á conexión coa aplicación do portal académico. Na páxina de inicio deberían estar as materias oficiais nas que estás en POD.

IMPORTANTE: para facilitar a busca en MooVi agradecemos que nos facilitedes o código SIGMA da materia que podes consultar nesta páxina.

Ir á FAQ

Para mellorar a experiencia de usuario/a no tocante a MooVi procedeuse eliminar as materias correspondentes ás titulacións oficiais dos cursos 2020/21 e 2021/2022 da máquina en produción.

O profesorado que desexe consultar ou realizar unha copia de seguridade dalgunha materia destes cursos, pode acceder desde a seguinte ligazón:

https://moovi2020-2022.uvigo.gal

Ten en conta que:

  • O acceso está só habilitado para o profesorado (o alumnado non pode acceder) e desde a rede da UVigo. Se precisas acceder desde o exterior deberás empregar unha VPN.
  • Só poderás identificarte mediante o acceso centralizado. As contas de usuario locais de MooVi están deshabilitadas.
  • A edición dos contidos está bloqueada, só podes consultar os contidos, facer copias de seguridade e descargalas.

Ir á FAQ

Unha vez iniciado o curso, realízase unha carga diaria do alumnado matriculado oficialmente, polo que non é preciso realizar ningún trámite.

Se desexas dar acceso a túa materia a alguén que non está matriculado/a, podes inscribilo manualmente na aula virtual a través de "participantes" (máis información aquí: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/axuda/faq/show/inscricions-manuais).

Ir á FAQ

A plataforma MooVi é un Moodle estándar polo que en internet hai multitude de documentación que podes consultar.

Neste vídeo descríbese de xeito simplificado os primeiros pasos na plataforma MooVi.

Ir á FAQ

No Servizo deseñamos un curso autoformativo (sen titorización) para o profesorado da UVigo que se inicia en Moodle. Contén diversos vídeos e autoavaliacións para axudar a adquirir as destrezas necesarias no manexo básico da plataforma. Ao final de cada tema, hai un test (con intentos ilimitados) que se debe superar para poder visualizar o seguinte módulo. É un curso que ten carácter informativo e non se certifica como formación do profesorado.

Se che interesa inscribirte, envía un correo a soporte.moovi@uvigo.gal indicando o teu nº de DNI ou NIE.

Ir á FAQ

Consulta a sección 2.4 "Gestión de calificaciones" do Manual da UPM da versión 4.1. Conde Vides, Juan V., García Rodríguez, Jorge, Moreno López, Juan José, Muñoz Solís, Pablo Luis and Ramos Martínez, Humberto (2023). Manual Moodle 4.1 para docentes. Monografía (Manual). Rectorado (UPM), Madrid.

IMPORTANTE: para definir unha fórmula no libro de cualificacións, hai que ter en conta que se traballamos con MooVi en español ou galego, hai que empregar punto e coma (;) como separador de listas nas funcións. En inglés, o separador é a coma (,).

Ir á FAQ

Se empregaches o libro de cualificacións de MooVi para cualificar ao teu alumnado nunha materia oficial, tes a opción de importar esas notas a SIGMA a través dun Excel.
Na seguinte guía tes unha descrición paso a paso de todo o proceso.

Ir á FAQ

Podes acceder a MooVi desde o teu móbil empregando a App “Moodle Mobile”, dispoñible para dispositivos Android e Apple. Podes descargala gratuitamente desde os sitios oficiais:

Unha vez instalada, debes introducir a URL para conectar co MooVi (https://moovi.uvigo.gal).
A continuación, pedirache que introduzas os teus datos de acceso (o usuario/a e contrasinal que usas para acceder á páxina de MooVi). Se  introduciches correctamente os datos, aparecerache na pantalla a listaxe de materias ás que tes acceso.

Ir á FAQ

Se precisas información sobre o funcionamento básico e os procedementos asociados á plataforma MooVi (acceso, editar o perfil persoal, subir unha tarefa etc.)., podes descargar a seguinte guía para o alumnado.

Ir á FAQ

Podes copiar os contidos dunha materia en MooVi para outra seguindo estes pasos:

  1. Accede á materia en MooVi na cal queres incorporar os contidos.
  2. Unha vez dentro, preme na pestana «máis» e selecciona «Reutilizar o curso».
  3. Na seguinte pantalla, no despregable escolle «Importar».
  4. Selecciona o curso que desexas importar e preme en «Continuar» (se tes moitos cursos e non aparece na listaxe, podes buscalo no cadro de «Buscar» polo código ou nome).
  5. A pantalla «Axustes iniciais» amosa o tipo de datos a importar. Preme en «Seguinte».
  6. No paso «Axustes do esquema» debes deixar marcados os recursos/actividades que desexas importar. IMPORTANTE: desactiva o cadro do «Foro de novas» («Anuncios») para evitar duplicalo. Preme no botón «Seguinte» para continuar co proceso.
  7. Na pantalla «Confirmación e revisión» amósase un resumo dos elementos a importar. Se todo é correcto preme no botón «Facer a importación».
  8. Unha vez rematado o proceso, aparecerache unha mensaxe indicando que a importación foi realizada correctamente. Premendo en "Continuar", volves ao curso no que deberías ter importados os contidos seleccionados.

Tes a túa disposición unha guía e un vídeo coa descrición detallada de todo este proceso.

 

Ir á FAQ

En MooVi manteranse as materias de dous cursos académicos, o actual e o anterior. Por iso, é recomendable que ao rematar o curso actual realices unha copia de seguridade das materias en MooVi para almacenalas nun lugar seguro e poder recuperalas no futuro se o precisas.

As materias dos cursos 2020/21 e 2021/22 están aloxadas na páxina:

https://moovi2020-2022.uvigo.gal/

Para realizar unha copia de seguridade sigue estes pasos (para a versión 3.9):

  1. Accede á materia en MooVi ou na máquina de histórico correspondente.
  2. Fai clic no menú de accións despregable con forma de roda, situado na parte superior dereita, e escolle "copia de seguridade".
  3. Se queres copiar todos os contidos, fai clic en "Ir ao último paso" e agarda a que saia a mensaxe "Creouse satisfactoriamente o ficheiro de copia de seguridade". En caso de só querer copiar certos contidos do curso, preme en "Seguinte" e selecciona os elementos que desexas incluír na copia.
  4. Fai clic en "Continuar".
  5. En "Área da copia de seguridade privada de usuario" aparecerá o ficheiro .mbz da copia, preme en "Descargar" para almacenalo no teu ordenador.
  6. En MooVi en produción, unha vez descargado, é moi importante por temas de espazo, eliminar as copias. Para borralas, debes seleccionar o botón inferior "Xestionar os ficheiros de copia de seguridade". Na fiestra que se abre, aparecen os ficheiros das copias realizadas, ao premer sobre o ficheiro aparece a opción "eliminar". Por último, unha vez borrado, preme en "Gardar os cambios".
IMPORTANTE: debes xestionar as túas copias de seguridade e borralas de MooVi, xa que por temas de mantemento, en calquera momento, poden eliminarse sen previo aviso.

Tes dúas guías cunha descrición paso a paso de todo o proceso. Hai dúas versións para descargar: a da versión 3.9 de Moodle, necesaria para as materias do curso 2020/21 e 2021/22, e a da versión 4.1 do curso actual.

Ir á FAQ

Este plugin instalado en MooVi permite ao profesorado crear e administrar exericicios de codificación de MATLAB que se poden cualificar automaticamente e comentar. 

Consulta o seguinte vídeo se queres saber como empregalo na túa materia. 
MOOCUnican (31 de agosto 20217). Añadir en Moodle Matlab Grader [Archivo de Vídeo]. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=W1RXgL-RYrs

Ir á FAQ

O bloque permite ao profesorado realizar accións nos recursos e actividades dunha materia de xeito simultáneo, en vez de ter que realizar accións repetidas en elementos individuais. Este bloque é moi útil e permitirache aforrar tempo, sobre todo cando estás preparando a túa materia, xa que podes realizar de xeito masivo accións que antes tiñas que realizar de xeito individual. Por exemplo, podes, entre outras accións:

  • eliminar nun único paso todos os recursos e/ou actividades que desexes;
  • duplicar nun único paso as actividades  e/ou recursos que desexes, dentro da materia ou noutra distinta;
  • amosar ou ocultar nun único paso as actividades  e/ou recursos sen ter que ir unha-a-unha.

Tes a túa disposición unha guía coa descrición detallada e capturas de todo este proceso.

Ir á FAQ

Este bloque é moi útil para copiar recursos e actividades entre materias de MooVi de xeito rápido e sinxelo.  Os ítems poden recadarse e gardarse dentro da bolsa de recursos, servindo tamén como biblioteca de contidos dos cursos que empregas de xeito frecuente e dispoñibles para dupricarse cando o precises (máis información aquí).

  • O primeiro que debes facer é acceder á materia na que tes os contidos que desexas copiar. Unha vez dentro preme en «Activar edición».
  • Na parte inferior da esquerda , preme en «Engadir un bloque» e escolle «Sharing Cart» (coa interface en galego) ou «Bolsa de recursos» (coa interface en castelán).
  • No menú da dereita aparece un novo bloque e por cada sección, recurso ou actividade aparece unha nova icona con forma de cesta que nos vai permitir copialo ao bloque «Bolsa de recursos». É posible copiar na bolsa os recursos e actividades de xeito individual ou por sección/tema completo.
  • A medida que engades contidos a través da icona con forma de cesta, estes aparecerán dentro do bloque «Bolsa de recursos» da dereita.
  • Unha vez teñas no bloque os contidos que precisas, xa podes importar noutra materia. Para iso accede ao curso no que desexas incluír eses contidos, activa edición e engade de novo o bloque «Bolsa de recursos». Neste caso o bloque aparece co contido que copiaches do outro curso.
  • O único que tes que facer é premer na icona copiar que aparece á dereita de cada ítem que desexas importar do bloque. Cando o fagas verás que ao final de cada sección aparecen uns espazos punteados con frechas que nos permiten incorporar o contido na sección que lle indiquemos.
  • Feito isto, o recurso, actividade ou sección estará copiado na materia correspondente, mantendo as características orixinais.

Tes a túa disposición unha guía coa descrición detallada e capturas de todo este proceso.

Ir á FAQ

Todo o profesorado en POD dunha materia debe ter acceso, se non o tes ponte en contacto connosco en soporte.moovi@uvigo.gal

Se aínda non estás en POD, debes contactar coa secretaría do teu centro para que o solucionen canto antes.  Se non estás en POD non podemos darte de alta na materia en MooVi.

Non obstante, o/a coordinador/a da materia pode darche acceso co rol de "profesor invitado" que ten practicamente os mesmos permisos que o rol profesor/a. Simplemente tería que ir a "Participantes" dentro da materia, na parte superior dereita desta páxina, atopará unha opción que é "Matricular usuarios". Na xanela que se abre, no cadro "buscar" introduce o dni do/a profesor/a (opción preferente) e escolle "asignar rol"> 'profesor invitado', apareceralle nome completo que debe seleccionar e, a continuación, darlle a "matricular usuarios". 

Ir á FAQ

Non, se o docente figura en POD non se pode eliminar.

Moovi importa ao profesorado do POD, polo que calquera alta ou baixa debe facerse alí.

Ir á FAQ

As materias das distintas titulacións de primeiro de Industriais están agrupadas e os espazos en MooVi son por grupo, non por titulación. Por exemplo, para a materia "Expresión gráfica" de primeiro, crearanse 15 espazos en MooVi, un para cada grupo (01 a 15) e, en cada espazo, estará agrupado o alumnado dos distintos graos de industriais (Enxeñaría Eléctrica, Electrónica Industrial e Automática, Organización Industrial, Química Industrial etc.).

Ir á FAQ

Por defecto, todas as materias en MooVi créanse ocultas para o alumnado. Deste xeito, o profesorado pode traballar no espazo virtual sen que os/as estudantes poidan acceder  á materia e poñela visible no momento que lle interese.

IMPORTANTE: debe ser o profesorado da materia quen a poña visible.

Cando unha materia está oculta, na páxina principal o código aparece nunha cor gris apagada. No momento en que o curso está visible, aparece en cor azul e ao alumnado apareceralle na súa listaxe de cursos.

Tes a túa disposición unha guía e un vídeo de como comprobar a visibilidade dos teus cursos e como os podes ocultar e facer visibles segundo desexes.

 

Ir á FAQ

Cando accedes a MooVi cos teus datos, na opción "Taboleiro" hai un bloque de "vista xeral de cursos" no que aparecen os cursos aos que tes acceso como alumno/a ou profesor/a. Este bloque conta cun filtro para seleccionar se queres ver os cursos actuais, futuros, pasados. Tamén permite destacar ou retirar da vista as materias que desexes.

O seguinte vídeo do profesor Carlos López Ardao explica detalladamente a "Configuración da vista dos nosos cursos no Taboleiro".

Ir á FAQ

Debes acceder ao teu curso e seleccionar a lapela "Participantes". Desde aí podes ver a listaxe de alumnado e profesorado da materia.

O alumnado que figura con estatus suspendido é porque  nalgún momento estivo matriculado na materia e despois desmatriculouse. Non pode acceder á materia, nin recibe copia das mensaxes que se envíen desde o foro do novas (ou desde calquera outro foro con subscrición forzosa) (máis info aquí).

 

Ir á FAQ

O alumnado que figura con estatus "suspendido" é porque  nalgún momento estivo matriculado na materia e despois desmatriculouse. O alumnado "suspendido" non pode acceder á materia, nin recibe copia das mensaxes que se envíen desde o foro do novas (ou desde calquera outro foro con subscrición forzosa). 
O motivo de non borrar estes participantes é porque moitas veces fanse cambios na matrícula (incluso de xeito erróneo) e se borramos ao usuario da materia e ten feitas entregas, cualificacións asignadas etc. estaríamos borrando tamén eses datos.

Ir á FAQ

Para poder inscribir alumnado nunha materia en MooVi, debes acceder á materia e ir ao bloque "Participantes". Na parte superior e inferior desta páxina, atoparás unha opción que é "Matricular usuarios". Na xanela que se abre, no cadro "buscar" introduce o dni/nie do/a estudante (opción preferente), se está dado de alta na plataforma aparecerache o seu nome completo que debes seleccionar e, a continuación, darlle a "matricular usuarios".

Se o/a estudante non está rexistrado en MooVi, tes que solicitarnos a súa inscrición enviándonos cuberto un csv cos seus datos.

Ir á FAQ

Se precisas dar de alta a un profesor/a na túa materia que non está en POD, podes inscribilo co rol de profesor/a convidado/a, que ten practicamente os mesmos permisos que o profesor/a.

Para iso, accede á materia e vai a sección "Participantes", na parte superior e inferior desta páxina, atoparás unha opción que é "Matricular usuarios". Na xanela que se abre, no cadro "buscar" introduce o dni/nie do/a profesor/a (opción preferente) e escolle "asignar rol" > 'profesor invitado', aparecerache o nome completo que debes seleccionar e, a continuación, preme en "matricular usuarios". 

Ir á FAQ

Para exportar a listaxe de usuarios/as do teu curso en MooVi, accede á materia e vai á sección "Participantes". Marca o cadro branco superior para seleccionar a todos os usuarios/as ou escolle individualmente os que desexas exportar. Feito isto, na parte inferior, no menú despregable "Cos usuarios seleccionados", elixe "descargar a táboa de datos como" e selecciona o tipo de ficheiro que desexas descargar (csv, xlsx, HTML etc.). A descarga iniciarase automaticamente. 

Ir á FAQ

As principais ferramentas de comunicación asíncrona na plataforma MooVi son as seguintes:

  • Foro de avisos: é un foro de uso exclusivo do profesorado. As mensaxe que se publiquen aí chegan con copia ao correo electrónico do estudantado que figura en "participantes".
  • Mensaxes: pódense enviar mensaxes individuais a estudantes concretos desde o bloque "participantes". Neste vídeo tes máis información sobre os participantes e a xestión de usuarios/as en MooVi.
  • Foros: se o alumnado está suscrito aos foros creados na materia, tamén recibirá no seu correo unha copia das achegas que se publiquen neses espazos.

Para a comunicación síncrona (videoconferencia) recomendámosche o uso doutras ferramentas (https://campusremoto.tv.uvigo.es/campus ou Teams).

IMPORTANTE: as mensaxes non chegan se a materia está oculta para o alumnado (máis info aquí).

Ir á FAQ

Cando te logueas en MooVi, na parte superior dereita, desprégase un menú de usuario. Premendo na opción “Perfil”, levarate a outra pantalla na que debes escoller “Editar o perfil” e ir á sección “Imaxe do usuario”. Na xanela “Nova imaxe” podes arrastrar unha foto túa (en formato .gif, .jpe, .jpeg, .jpg ou .png). Por último, preme en "Actualizar o perfil".

Ir á FAQ

Co cambio de versión de Moodle, modificouse o sistema que había anteriormente para indicar a finalización dunha actividade. Na versión anterior había un cadro máis pequeno en liña co nome da actividade, pero no lado dereito da pantalla. O cambio que se fixo implica que se amose esa mensaxe debaixo da actividade/recurso.

Se che aparece esa mensaxe é porque tes activado o seguimento de completado, que permite amosar o progreso do estudante no curso segundo uns criterios previamente especificados. Tes máis información aquí: https://si.ua.es/es/moodle/rastreo-de-finalizacion.html

Se non vas precisar esa funcionalidade na túa materia, podes deshabilitala para ese espazo desde "editar os axustes" do curso (na parte superior dereita). No apartado "Seguimento de completado" tes que escoller "Non" en "Activar o seguimento do progreso (para o completado)". Despois, lembra premer en "Gardar e presentar" na parte inferior da páxina.

Tamén podes deixalo activado e desactivalo naqueles recursos ou actividades concretos que non queres que apareza. Para iso terías que "editar os axustes" do recurso/actividade e no apartado "Completado da actividade" escoller "Seguimento de completado = Non indicar o completado da actividade".

Ir á FAQ

O máis recomendable é que xeres un grupo co teu alumnado. Máis información sobre os grupos aquí:

https://docs.moodle.org/all/es/Grupos

Cando temos grupos creados, Moodle permite restrinxir o acceso a calquera recurso ou actividade para que sexa só visible para o grupo seleccionado. Máis información sobre as restricións de acceso aquí:

https://docs.moodle.org/all/es/Configuraciones_para_restringir_acceso

Tamén nos distintos foros, incluído o de novas, se o configuramos como “grupos separados” permitiranos enviar mensaxes a un grupo concreto de estudantes.

Ir á FAQ

A primeira recomendación sería que, sempre que sexa posible, empregues métodos de avaliación continua diferentes ás probas síncronas.

Os cuestionarios síncronos (todo o estudantado á mesma hora para facer a proba) poden supor un estrés considerable a calquera sistema, polo que se recomenda espaciar tanto o inicio coma a finalización do mesmo. Na medida en que poidas, e sobre todo en probas con moito alumnado, deixa marxe de tempo para facer unha entrada escalonada no sistema.

Haberá que ter en conta tamén que estas probas poden ser difíciles de controlar desde o punto de vista técnico (problemas de conectividade, incidencias técnicas do estudantado na súa casa etc.). Podes ter prevista unha proba de avaliación alternativa para o alumnado que teña algunha incidencia que lle impida rematar o cuestionario. 

Recomendacións para as probas en MooVi:

  • Cando teñas unha proba en MooVi con moitos estudantes, é recomendable dividir ao alumnado en grupos de xeito que o inicio e fin da proba para cada grupo estea escalonado 5-10 minutos (p.ex. o primeiro grupo comeza ás 9:00, o segundo ás 9:10, o terceiro ás 9:20h).
  • Tenta calcular o tempo de realización da proba de forma que o estudantado dispoña de tempo suficiente para contestar ás preguntas e con marxe para que o alumnado que poida ter unha conexión a internet máis lenta poida envialo dentro do tempo límite.
  • É moi importante comunicar ao alumnado previamente (a través dun correo, aviso etc.) e na descrición do cuestionario, toda a información necesaria sobre as probas: data e hora de inicio, cantos intentos teñen, cantas preguntas van ser, de que tipo, canto tempo van ter para respondelas, se existe penalización por contestar respostas erróneas, se van poder navegar cara adiante e atrás na proba ou se só van poder avanzar cara adiante e non van ter ocasión de revisar o que xa fixeron. Todo isto é moi importante que o saiban de antemán. 
  • Se ademais tes abertos 2 espazos (en MooVi e FAiTIC) para a túa materia, comunica ao teu alumnado para que e cando vas empregar cada un deles.
  • Avisa ao teu alumnado que cando finalice a proba en MooVi, e antes de que transcorra o tempo límite, ten que darlle ao botón "entregar todo e finalizar" (esta información podes incluíla na descrición do cuestionario).
  • Ao igual que nun exame presencial o alumnado pode modificar as súas respostas, é recomendable que nos cuestionarios en MooVi se configuren con navegación libre, en vez de secuencial, para que o alumnado poida volver atrás e revisar as preguntas antes da entrega da proba.
  • Nas opcións de revisión do intento, se non queres que poidan revisalo ata que finalice a proba, configura o cuestionario para que oculte as respostas correctas, retroalimentación etc.
  • En MooVi, pódese configurar para que o envío das respostas sexa automático, de forma que as respostas se envían aínda que o estudante non lle dea ao botón de enviar todo e terminar. 
  • O ideal é que crees un banco de preguntas amplo para o teu cuestionario e que desas preguntas escolla x aleatorias. Cando máis amplo sexa o banco de preguntas menos opción de que as preguntas se repitan. 
  • Se vas crear un cuestionario coas mesmas preguntas, podes configuralo para que baralle as preguntas e así evitar que aparezan todas na mesma orde.
  • Se dispós de tempo, é recomendable realizar unha proba previa (aínda que sexa con poucas preguntas) co alumnado coas mesmas características de configuración que a proba final, para que poidan ver o funcionamento e comprobar que o acceso lles funciona.

Ir á FAQ

  • Antes da proba deberías ter a información precisa para facer o exame: día, hora, tempo límite, intentos... Se non é así, contacta co coordinador/a da materia.
  • O día da proba, verifica con suficiente antelación a túa conexión a internet, busca o lugar con maior cobertura...
  • Accede á plataforma durante os 15 minutos anteriores ao comezo da proba e accede só ao curso en cuestión, non abras outras materias en MooVi para evitar interferencias. 
  • Le atentamente as instrucións que che dea o profesor/a antes de comezar a proba.
  • IMPORTANTE: durante a proba, non empregues os botóns Adiante/Atrás do navegador, xa que se poderá perder información.
  • En MooVi, cando entras no cuestionario, aparecerache a información dos intentos permitidos, a data de inicio e finalización, e o tempo límite (se o hai), xunto coa descrición que incluíu o profesor/a. Para comezar o intento, tes que premer en "Intentar a proba agora" (en castelán: “Intente resolver el cuestionario ahora”).
  • Nos cuestionarios en MooVi, ao rematar, e antes de que finalice o tempo límite, debes premer en "Finalizar intento" (en castelán "Terminar intento"). Posteriormente aparecerá o resumo do intento e o estado de cada unha das preguntas. É moi importante para finalizar o cuestionario premer en "Entregar todo e finalizar" (en castelán "Enviar todo y terminar") para que o sistema recolla o teu intento.
  • Para consultar a nota ou revisar o intento, vai depender de como teña configurado o profesor/a o cuestionario. Con algúns poderás ver a nota e revisar o intento inmediatamente e, noutros, terás que agardar a que o profesor/a o poña visible.

Ir á FAQ

Turnitin emprégase  para detectar o plaxio comparando os traballos subidos polo alumnado cunha ampla base de datos, ofrece un informe de orixinalidade sinalando a porcentaxe de similitude do documento e amosa as fontes orixinais. 

IMPORTANTE: o uso do Turnitin en MooVi está habilitado unicamente para materias de TFG, TFM e doutoramentos.

O profesorado pode habilitala de dous xeitos:

  1. como actividade de entrega dos exercicios directamente. Esta opción ten o inconveniente de que non permite cualificar os exercicios, só amosa o informe de similitudes.
  2. integrado nas actividades de Moodle foro, obradoiro e tarefa.

Para coñecer mellor o seu funcionamento, descarga e consulta a Guía de TURNITIN en MooVi para o profesorado.

Ir á FAQ

Se eliminaches algún recurso ou actividade do teu curso, podes recuperalo desde a papeleira de reciclaxe ("recycle bin") (os contidos da papeleira bórranse de xeito definitivo despois de 7 días). A papeleira só é visible no menú de administración se se eliminou algún elemento. Para recuperalo, tes que premer na frecha de "restaurar".

Ir á FAQ

Os rexistros nas mateiras en MooVi só se manteñen durante un curso académico, polo que os rexistros de materias de cursos anteriores non vas poder consultalos. Esta é unha recomendación de Moodle para mellorar o seu rendemento e liberar espazo en disco.

Ir á FAQ

  • Accede á páxina de UVigoTV na que se atopa o vídeo, na parte dereita verás un código IFRAME que debes copiar.
  • Accede á materia en MooVi e activa edición.
  • Engade un recurso ou actividade no que desexas inserir o vídeo.
  • No editor HTML, selecciona o botón “<>” (editar código HTML).
  • Ábrese unha xanela emerxente co editor de código fonte html. Debes pegar aí o código iframe copiado da páxina de UVigoTV. Preme en “Actualizar” 
  • Por último, preme en "Gardar e volver ao curso" ou "Gardar e presentar". O vídeo debería amosarse no recurso ou actividade.

Para máis información, consulta o seguinte vídeo:

https://tv.uvigo.es/video/621794caa33c06597f597f84

Ir á FAQ

A finais de agosto farase a primeira carga do alumnado matriculado en materias oficiais, polo que ata ese momento non terás acceso ás materias do curso 202/25.

Ten en conta que as materias se crean ocultas para o estudantado, polo que non serán visibles ata que o profesorado as active.

Ir á FAQ

En MooVi por defecto as materias créanse ocultas para o alumnado, só se amosan cando o profesorado das mesmas decide poñelas visibles.

Ir á FAQ

As mensaxes que recibes no teu correo, poden vir de distintas ferramentas (foros, tarefas, mensaxería interna...). O primeiro que debes comprobar é que nas "Preferencias de notificación" do teu perfil tes activadas as notificacións por correo.

A maiores, nos foros comproba que estás subscrito/a ao foro en cuestión. 

Ir á FAQ

Para desactivar as notificacións, tanto do correo como na propia plataforma ou no móbil, accede a MooVi e desde o teu "Perfil" (na parte superior dereita) desprega e escolle "Preferencias" e na seguinte pantalla preme en "Preferencias de notificación". Nesa pantalla, para cada elemento, podes activar ou desactivar a columna de web, correo ou móbil e segundo esteas ou non conectado a MooVi.

Ir á FAQ

Para poder asegurar a calidade dos datos xestionados en MooVi non se permite editar os datos persoais directamente en MooVi.

Se queres cambiar o teu enderezo de correo deberalo facer desde o teu perfil da secretaría virtual:

  1. Accede á secretaría virtual
  2. Accede a "A miña conta" -> "Datos de contacto".
  3. A través do + de engadir correo, establece un enderezo de correo por defecto.
  4. Cando das de alta unha conta de correo, envíase uha mensaxe cunha ligazón para que a verifiques.
  5. Lembra marcar "por defecto" a conta de correo que queres empregar. A que establezas por defecto será a que se empregue tanto na secretaría virtual coma en MooVi.

Nota: O envío de datos a MooVi non é instantáneo e pode tardar varios minutos.

 

Ir á FAQ

As materias do curso pasado están ocultas para o alumnado a partir de outubro.

O profesorado seguirá tendo acceso pero desaparecen do menú da esquerda e pasan no taboleiro a cursos pasados.

En caso de que o profesorado precise voltar habilitar o acceso ao alumnado a unha materia do curso pasado, debe ir a editar os "axustes" do curso e modificar a visibilidade (escoller no despregable "Amosar") e desactivar o cadro da data de remate do curso. Para rematar preme no botón "Gardar e presentar" ao final da páxina.

Para calquera dúbida ou consulta podes contactar connosco no correo soporte.moovi@uvigo.gal

Ir á FAQ

Moovi ten habitualmente unha parada programada de servizo á semana que soe notificarse no portal con antelación. Con carácter xeral dura uns  minutos entre as 08:15 e as 09:00.

Polo tanto, é probable que se estás a ver esa mensaxe, o servizo se restableza en pouco tempo. Cando Moovi estea accesible de novo, amosarase automaticamente sen necesidade de recargar a páxina.

Estes cortes son necesarios para engadir novas funcionalidades, manter a plataforma actualizada, aplicar correccións de erros e melloras de seguridade.

Ir á FAQ

Os datos persoais incluídos en cada materia de Moovi son exclusivamente para a actividade docente.

Considéranse datos persoais calquera información sobre unha persoa física identificada ou identificable. Unha persoa física identificable é calquera persoa cuxa identidade poida determinarse, directa ou indirectamente, en particular mediante un identificador, como un nome, un número de identificación, datos de localización, un identificador en liña ou un ou varios elementos propios da identidade física, fisiolóxica, xenética, psíquica, económica, cultural ou social na devandita persoa.

Todo o persoal docente autorizado con acceso a Moovi ten a obriga, de acordo coa lexislación vixente, de cumprir as normas e políticas que determine a Universidade de Vigo no ámbito da súa actividade docente e adoptar todas aquelas medidas de seguridade, técnicas e organizativas que a Universidade de Vigo estableza para garantir a confidencialidade e o deber de segredo de toda a información de carácter persoal. A obriga de confidencialidade é de carácter indefinido e manterase aínda que finalice a súa relación contractual coa Universidade de Vigo.

O alumnado usuario de Moovi non pode difundir nin utilizar os datos persoais dos que tivese coñecemento sen estar previamente autorizado polo titular dos mesmos, sendo responsable a todos os efectos no caso de incumprimento.

Ir á FAQ