O propósito principal desta materia é proporcionar ao alumnado as bases para a comprensión e dominio dos principios de funcionamento dos dispositivos e circuítos electrónicos. Comézase cunha breve introdución á Electrónica con obxecto de proporcionar ao alumnado unha visión global. A continuación impártense conceptos básicos sobre os dispositivos e circuítos electrónicos fundamentais:
· Diodos e circuítos con diodos, incluíndo conceptos como liña de carga, diodos ideais, rectificadores, conformadores de onda, circuítos lóxicos, reguladores de tensión e física de dispositivos.
· Características dos transistores bipolares, análise de liña de carga, modelos de gran sinal, polarización, amplificación e circuitos equivalentes en pequena sinal.
· Estudo similar ao anterior dos FET, destacando os MOSFET.
· Comprobación de deseños dos circuítos estudados utilizando SPICE. Montaxe e verificación utilizando instrumentación electrónica de laboratorio.
· Conceptos básicos sobre circuítos lóxicos dixitais.
Por outra banda, no marco da materia ten lugar o primeiro contacto do alumnado co laboratorio de electrónica. Por iso, o obxectivo fundamental da parte práctica da materia é que o alumnado adquira as bases para un correcto manexo dos instrumentos máis habituais nos laboratorios de electrónica. O alumnado, ao finalizar a materia, debe coñecer e saber manexar correctamente os instrumentos de laboratorio, debe distinguir e caracterizar os diferentes compoñentes, e ter habilidades prácticas na montaxe e medida. Ademais iniciarase aos estudantes na simulación de circuítos, con obxecto de introducilos cara ao deseño asistido por ordenador.
Materia do programa English Friendly. O alumnado internacional poderá solicitar ao profesorado: a) materiais e referencias bibliografías para o seguimento da materia en inglés, b) atender as titorías en inglés, c) probas e avaliacións en inglés.