Secretaría Uvigo

O son en que cada lingua se solta. Luísa Villalta tradutora, Luísa Villalta traducida

portada
CategoríaFóra de colección
ISBN/ISSN9788411880169
Número de serie
Formato17 x 24 cm
Ano de edición2024
Número páxinas323
Prezo10.00 €
Autores Alberto Álvarez Lugrís,
Ana Luna Alonso,
Tamara Andrés
DescriciónA tradución cara ao galego forma parte da historia da nosa literatura. Ao entrar en diálogo coa creación propia, os textos traducidos achegan novas formas estéticas, criterios, temas e valores que configuran o polisistema nacional. Coñecer que obras se traducen ou indagar nas que non se traducen ou quen leva a cabo a mediación permite analizar o campo literario dende unha perspectiva sincrónica e diacrónica.

Luísa Villalta, autora celebrada no Día das Letras Galegas 2024, contribuíu a incorporar ao canon galego obras dramáticas fundamentais na historia da literatura teatral italiana como son o Manifesto por un novo teatro, de Pier Paolo Pasolini (Cadernos da Escola Dramática Galega, A Coruña, 1994) e A Mandrágora, de Niccolo Macchiavelli (Laiovento, Santiago de Compostela, 1998), esta última en colaboración con Francisco Pillado Mayor. Esta escolla, que conforma a primeira parte do volume, responde a un gusto persoal, tal e como se expresa nas reflexións e nas notas que xustifican as decisións adoptadas. Incluímos tamén aquí as versións en castelán dalgúns poemas de Manuel María, X. L. Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra ou Pura Vázquez, que a Villalta tradutora procurou con vagar para dar a coñecer a produción literaria destas autorías no marco ibérico.

Nunha segunda parte da monografía, e froito da convocatoria de traducións lanzada pola revista Viceversa, Revista galega de tradución, ofrecemos unha serie de textos de Villalta, en verso ou en prosa, traslados a varias linguas (alemán, castelán, francés, inglés, italiano e polaco), sempre acompañados da versión orixinal que mantemos na grafía da escritora. As propostas de tradución conteñen algúns peritextos (notas e comentarios) que achegan luz sobre os retos que supón versionar para outros espazos e linguas á autora da Cidade Alta.
Atrás