Secretaría Uvigo

Bolsas para o estudantado beneficiario ou solicitante de protección internacional, 2025/2026

TipoBolsa de estudo
Organismo convocanteUniversidade de Vigo
Código2025_2026 Bolsas Protección Internacional
Data inicio solicitudes21/07/2025
Data fin solicitudes10/09/2025
Enderezo formulario para solicitude onlinehttps://secretaria.uvigo.gal/uv/web/formularios/encuesta/cubrir_paso1/14779
Descripción

OBXECTO

Estas bolsas teñen por obxecto facilitar ás persoas en situación de refuxio e indicadas no punto 2.a) das bases da convocatoria a realización de estudos universitarios, preferentemente oficiais, que permitan a súa integración no noso país.

CONTÍA

A contía individual máxima da bolsa será de 3.000 € por persoa e inclúe:

  • Os prezos públicos por servizos académicos e administrativos correspondentes á matrícula agás o seguro escolar que, de ser o caso, deberá ser aboado polo/a estudante.
  • Unha contía económica máxima de 2.000 € para todo o curso académico en concepto de axuda para gastos derivados da actividade académica. A contía máxima percibirase pola matrícula de curso académico completo (60 ECTS e o curso académico completo no doutoramento), diminuíndo proporcionalmente en función dos créditos nos que se realice a matrícula.
  • Un curso de galego dos impartidos pola Área de Normalización Lingüística ou castelán no Centro de linguas da Universidade de Vigo a realizar durante o curso académico 2025/2026.

No caso de estudantes da titulación propia de especialista, esta contía estará suxeita a retención do IRPF que estableza a normativa vixente na materia.

Requisitos

Pode solicitar bolsa o estudantado que cumpra os seguintes requisitos:

  1. Ter a condición de apátrida, de beneficiario/a de protección internacional, ou ter a autorización de estadía por atoparse no período transitorio de adquisición da condición, na data de fin de presentación de solicitudes. Así mesmo están incluídas as persoas en situación de protección temporal outorgada en virtude da Decisión de Execución (UE) 2022/382 do Consello de 4 de marzo de 2022 a persoas afectadas polo conflito de Ucraína que poidan encontrar refuxio en España e pola Orde de 8 de marzo pola que se amplía a protección temporal.
  2. Manifestar o interese de realizar a preinscrición ou estar preinscrito/a en estudos de grao e máster universitario ou doutoramento no curso 2025/2026 en centros propios da Universidade de Vigo ou en centros adscritos de titularidade pública que impartan titulacións non impartidas en centros propios (Enfermaría Ourense, Enfermaría Pontevedra e Enfermaría Meixoeiro), ou nunha titulación propia de especialista da Universidade de Vigo.

En todo caso para o inicio dos estudos terán que cumprir o correspondente requisito de acceso establecido.

Titulacións oficiais:

3. Non posuír título en España en estudos do mesmo nivel para os que se solicita a bolsa.

4. Informe sobre a situación socioeconómica da persoa solicitante, emitido pola ONG que xestiona ou xestionou o expediente de protección internacional ou a entrada ao sistema de Acollida e Integración, e no caso de non ter unha ONG de referencia pódese achegar un informe socioeconómico da Unidade de Traballo Social do municipio de residencia.

5. No caso de continuar estudos e ter desfrutado desta mesma bolsa con anterioridade, deberá ter superado no curso anterior ou no último realizado na universidade:

  • 60% dos créditos matriculados nas titulacións de grao da rama de enxeñaría e ciencias.
  • 70% dos créditos matriculados no resto das titulacións de grao.
  • 80% dos créditos matriculados nas titulacións de máster universitario que habilita para o exercicio profesional.
  • 90% dos créditos matriculados no resto das titulacións de máster universitario.

De xeito excepcional, admitiranse as solicitudes que teñan un menor número de créditos superados sempre que se xustifique adecuadamente o motivo (enfermidade, coidado de familiares dependentes enfermos...), e sexa así considerado pola comisión de selección.

Será de aplicación a esta convocatoria o establecido na convocatoria xeral de bolsas do MEFPD relativo ao excepcional aproveitamento académico.

Documentacion
  1. As persoas solicitantes deberán cubrir o formulario en liña no seguinte enlace https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/formularios/encuesta/cubrir_paso1/14779 e presentalo de xeito presencial nos rexistros da universidade de Vigo, na sede electrónica, ou por calquera dos medios establecidos na Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
  2. O prazo de presentación das solicitudes comezará o día seguinte a publicarse esta convocatoria e rematará o 10 de setembro de 2025 ás 23:59 horas (hora peninsular española). A presentación fóra de prazo suporá a non admisión a trámite da solicitude.
  3. Así mesmo, deberán subir a seguinte documentación ao formulario en liña:
  4. Documento acreditativo da condición de beneficiario/a de protección internacional ou solicitante vixente no momento da solicitude (tarxeta branca ou tarxeta vermella).
  5. Curriculum vitae con acreditación dos méritos alegados.
  6. Documentación acreditativa das circunstancias alegadas para avaliar a situación de vulnerabilidade familiar.
  7. Anexo II: Informe sobre a situación socioeconómica da persoa solicitante, emitido pola ONG que xestiona ou xestionou o expediente de protección internacional ou a entrada ao sistema de Acollida e Integración.

No caso de non ter unha ONG de referencia poderase achegar o informe socioeconómico da Unidade de Traballo Social do municipio de residencia no que deberán constar os ingresos percibidos durante 2025 ata a data de presentación da solicitude.

O estudantado que continúe estudos deberán presentar os documentos sinalados nos apartados a) e d).

Observacións

OBRIGAS

A persoa beneficiaria da bolsa deberá:

  1. Matricularse no curso 2025/2026 antes do 17 de outubro de 2025 nalgunha titulación de grao, máster universitario, doutoramento, ou propia de especialista da Universidade de Vigo. A obtención do título queda condicionada ao mantemento da permanencia legal no país.
  2. Participar de xeito presencial nas actividades académicas ao longo de todo o curso, a realización das probas e exames das materias nas que se atopan inscritas e a participación responsable nas demais actividades orientadas a completar a súa formación. A vicerreitoría de Extensión Universitaria poderá solicitar os informes que considere oportunos para a determinación do cumprimento das obrigas establecidas neste apartado.
  3. Entregar unha memoria sobre a experiencia persoal e académica, no prazo dunha semana dende que remata o curso.
  4. No caso dos solicitantes de asilo deberán comunicar a admisión ou a non admisión a trámite da solicitude en canto a reciban.
Prazo para resolver3 meses
Silencio administrativoDesestimatorio
Documentos da convocatoria
Ligazóns da convocatoria
Teléfono: 986814094
Web: https://www.uvigo.gal/estudar/xestions-estudantes/bolsas/bolsas-estudo
Enlace a taboleiro: https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-details.xhtml?idtaskdata=44747635
Correo electrónico: bolsasformacion@uvigo.gal
Atrás