Guia docente 2014_15
Facultade de Ciencias da Educación
Grao en Educación Social
 Materias
  Metodoloxía de investigación socioeducativa
Guía Materia
DATOS IDENTIFICATIVOS 2014_15
Materia Metodoloxía de investigación socioeducativa Código O05G130V01104
Titulación
Grao en Educación Social
Descritores Cr.totais Sinale Curso Cuadrimestre
6 OB 1 1c
Lingua de impartición
Castelán
Galego
Prerrequisitos
Departamento Didáctica, organización escolar e métodos de investigación
Coordinador/a
Sarmiento Campos, José Antonio
Correo-e sarmiento@uvigo.es
Profesorado
Sarmiento Campos, José Antonio
Web http://http://www.webs.uvigo.es/sarmiento/
Descrición xeral Esta guía xorde co fin de dar resposta ao deseño docente da materia Metodoloxía de Investigación Socioeducativa de 1º de Educación Social, dende o sistema de créditos europeo, ECTS, así como dos novos modelos educativos e de formación centrados no traballo do estudante promovidos dende o vixente marco da educación superior no que a concepción do profesor como profesor-titor, isto é, como asesor educativo e facilitador da aprendizaxe, constitúe un referente fundamental, feito que supón un cambio tanto no rol tradicional do profesor como no dos estudantes.
Neste escenario, o crédito europeo ECTS representa a unidade de medida ou de valoración da actividade académica no que se integran aspectos tan diversos como as ensinanzas teóricas e prácticas, as ensinanzas presenciais e virtuais, os traballos e actividades dirixidas, así como tamén as horas de estudo e de traballo que o alumno debe realizar para acadar os obxectivos formativos.
Este sistema de créditos supón atender á totalidade dos aspectos do traballo escolar, xa sexa presencial (clases teóricas, clases prácticas, exames, etc.) ou non presencial (estudo persoal e traballo autónomo, traballos dirixidos, titoría etc.), de aí que na guía se recollan, ademais das estratexias de ensinanza/aprendizaxe que deben utilizarse, as accións formativas que os estudantes deberán realizar con indicación da cantidade ou volume de traballo, en termos de horas, que se consideran necesarias para executalas de maneira eficiente e eficaz.
A Metodoloxía de Investigación Socioeducativa, materia obxecto desta guía, ten como finalidade desenvolver nos estudantes a capacidade de investigar, é dicir, de indagar de forma sistemática e reflexiva sobre o que se fai ou se pretende facer. Sabido é que a investigación é unha capacidade natural do ser humano. Polo feito de sermos persoas, somos investigadores/as e, en consecuencia, indagadores sistemáticos e reflexivos. Cando se realiza esta actividade humana orientada á descrición, explicación, comprensión, transformación ou construción de nós mesmos ou da nosa realidade social e educativa, estase investigando.
No ámbito socioeducativo, a investigación é unha actividade científica que ten como obxecto prioritario a análise social e educativa da realidade. Se ben esta análise unhas veces faise de maneira illada, outras faise formando parte doutros procesos como o de intervención socioeducativa, no que esta análise constitúe un compoñente ou elemento máis. De aí que esta actividade científica denominada investigación socioeducativa e, polo tanto, análise social e educativa da realidade, constitúa, no marco da intervención, a principal vía para obter a información que precisa para afrontar con racionalidade e rigor as restantes fases deste proceso.
Establecidas estas premisas, é posible entender e xustificar o importante papel que a Metodoloxía da Investigación Socioeducativa pode ter na formación e no futuro labor profesional do educador/a social. Os coñecementos e competencias académico-profesionais que poidan adquirir terán un papel relevante na súa capacitación como educador/a social, con independencia do ámbito e perfil profesional no que desenvolvan o seu labor no futuro.
Con esta materia introdúcese, no ámbito académico-curricular destes estudos, a presentación sistemática de contidos —métodos, técnicas, instrumentos, procedementos e recursos— relacionados coa investigación socioeducativa nos distintos contextos e ámbitos da educación social.
Os contidos seleccionados distribúense en catorce temas que responden aos bloques temáticos recollidos no plan de estudos desta titulación e que son: Investigación e Intervención Socioeducativa, Métodos e Técnicas de Recollida de Datos Socioeducativos, e Métodos e Técnicas de Análise de Datos Socioeducativos. Estes contidos constitúen unha proposta de traballo que, ao igual que outros elementos do programa, desexamos respondan ás necesidades e demandas dos futuros profesionais da educación social.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000