Secretaría Uvigo - Estudo do patrón temporal do canto de catro paseriformes (Erithacus rubecula, Sylvia atricapilla, Turdus merula e Troglodytes troglodytes) en diferentes hábitats (carballeira, eucaliptal e piñeiral) en Pontevedra.

Estudo do patrón temporal do canto de catro paseriformes (Erithacus rubecula, Sylvia atricapilla, Turdus merula e Troglodytes troglodytes) en diferentes hábitats (carballeira, eucaliptal e piñeiral) en Pontevedra.

Data de defensa15/09/2023
TitulaciónMáster Universitario en Biodiversidade Terrestre: Caracterización, conservación e xestión
CentroFacultade de Bioloxía
Dirección Titoría: María Calviño Cancela
Tribunal Presidencia: Gonzalo Benito Méndez Martínez
Secretaría: José María Sánchez Fernández
Vogalía: Jose Carlos Noguera Amoros
ResumoNos países máis industrializados, prodúcese unha expansión dos hábitats forestais debido aos cambios no uso do chan pola transformación da agricultura tradicional, que xeran, por unha banda, o abandono do terreo que favorece a rexeneración natural de vexetación e, doutra banda, a modificación cara á silvicultura a través de plantacións forestais. Na provincia de Pontevedra (Galicia), o abandono rural ten afectado sobre todo ás zonas de interior, onde a expansión de bosques nativos e plantacións forestais fai que se mesturen formando mosaicos, o que facilita o estudo de ata que punto as plantacións proporcionan un hábitat adecuado para a avifauna forestal da contorna, contribuíndo á conectividade da paisaxe. Este estudo céntrase en aves dos tres hábitats forestais máis comúns en Pontevedra: o bosque nativo de carballeira, dominado por Quercus robur, plantacións forestais de eucalipto, dominado por Eucalyptus globulus, e de piñeiro, por Pinus pinaster. Enfócase, ademais, en catro paseriformes comúns: Erithacus rubecula (paporrubio europeo), Sylvia atricapilla (papuxa das amoras), Turdus merula (merlo común) e Troglodytes troglodytes (chochín paleártico). Recorreuse a un método indirecto, a análise dos seus cantos, a partir dos cales se analizan os patróns de abundancia e o seu patrón temporal de actividade ao longo do día. Para iso analizáronse gravacións de 24 h obtidas nos hábitats mencionados e cuantificáronse os cantos de cada especie en períodos de 3 min cada hora. Con iso realizouse unha análise das diferenzas entre hábitats e entre especies na abundancia de cantos, usando un modelo lineal mixto de medidas repetidas (REML: Restricted Maximum Likelihood). Estúdase tamén o patrón de actividade nos distintos hábitats e as diferenzas entre hábitats na sincronía dos cantos, baixo a hipótese de que a maior abundancia de cantos esperada no bosque nativo podería levar a competencia polo nicho acústico. Utilízase a correlación de Pearson entre parellas de especies para analizar a sincronía temporal en cada hábitat. O hábitat carballeira presentou maior abundancia en cantos de aves, representada na súa maioría por E. rubecula, a especie máis abundante. O hábitat eucaliptal foi o que obtivo menor densidade de cantos. T. troglodytes resultou ser a segunda especie máis abundante en todos os hábitats, empatando con S. atricapilla neste segundo posto en carballeira, e mostrando un patrón diario moi característico centrado nas horas matinais nos tres ecosistemas. T. merula resultou ser a especie menos abundante, e obtivo a maior sincronía con E. rubecula (a máis abundante) en piñeiral e eucaliptal. O patrón de canto de S. atricapilla, que atrasa a súa máxima actividade matinal e adianta a do atardecer, evitando os picos mostrados polas especies máis abundantes, podería apuntar a unha competencia interespecífica polo nicho acústico. Estes resultados demostran que as aves comúns da nosa contorna forestal son capaces de establecerse en plantacións, proporcionando certa conectividade entre os hábitats forestais, aínda que menor que o bosque autóctono.
Volver