Secretaría Uvigo - Deseño mecánico e fabricación dun prototipo para a mostraxe de augas mariñas mediante DGT.

Deseño mecánico e fabricación dun prototipo para a mostraxe de augas mariñas mediante DGT.

Data de defensa15/09/2023
TitulaciónGrao en Enxeñaría Mecánica
CentroEscola de Enxeñaría Industrial
Dirección Titoría: Pablo Izquierdo Belmonte
Cotitoría: Ángel Manuel Fernández Vilán
Tribunal Vogalía: José Manuel Santos Navarro
Presidencia: Rafael Comesaña Piñeiro
Secretaría: Alejandro Molares Rodríguez
ResumoO Sistema Global de Observación do Océano (GOOS) insiste na necesidade da determinación das variables oceanográficas esenciais (EOVs), críticas para avaliar a saúde dos océanos fronte a riscos como a eutrofización, desosixenación, acidificación e perda de hábitats. Por iso, unha das actividades que o Instituto Español de Oceanografía (IEO) leva a cabo para o control das augas mariñas é a determinación da concentración de metais nos sedimentos mariños, sendo esta un gran indicativo da calidade dos océanos.
Para este fin empréganse uns mostrexadores denominados DGT, que se corresponde coas siglas de diffusive gradients in thin films, unha técnica que permite realizar medicións de alta precisión. Trátase dun dispositivo mostrexador pasivo, utilizado para medir metais, nutrientes e outros compoñentes.
A xustificación do presente proxecto baséase na necesidade de optimizar as técnicas de observación e seguimento das augas mariñas utilizadas polo IEO. Actualmente, as medicións son levadas a cabo de forma rudimentaria e pouco eficiente, xa que os dispositivos de medición DGT mergúllanse simultáneamente de forma manual e recóllense deste mesmo modo unha vez finalizado o seu tempo de exposición. Cumprir este periodo de exposición desexado supón diversos gastos loxísticos e de transporte, xa que se necesita dunha embarcación para chegar á localización na que están despregados, implicando que os estudios a longo prazo, os cales poden requerir numerosas mostras, alcancen custos demasiado elevados.
Co obxectivo de diminuír estes custos e dar un salto cualitativo nas técnicas de medición, creouse un grupo multidisciplinar na Universidade de Vigo para desenvolver un dispositivo que permita expoñer ao medio mariño os mostrexadores DGT e almacenalos de forma illada unha vez o seu periodo de exposición expira, todo isto mediante control remoto. Desta forma, o prazo de recollida destes perde importancia, podéndose recolectar numerosas mostras con periodos de exposición distintos, diminuíndo así os gastos de transporte e loxística, mentres que se aumenta a produtividade.
O enfoque deste traballo de fin de grado (TFG) céntrase no desenvolvemento conceptual e no deseño da parte mecánica do dispositivo que optimice este proceso, o cal permita satisfacer as necesidades anteriormente descritas. Para lograr isto, exploraranse diferentes solucións de deseño mecánico, tendo en conta todos os requisitos e limitacións existentes durante a toma de decisións. Avaliaranse e compararanse as diferentes solucións propostas en termos da súa viabilidade técnica e económica, decidindo unha solución final e chegando a fabricar un primeiro prototipo de custo reducido, o cal sirva de punto de partida de cara á fabricación final.
Volver