Secretaría Uvigo - Viabilidade da Operación Flexible nas Centrais Nucleares españolas

Viabilidade da Operación Flexible nas Centrais Nucleares españolas

Data de defensa13/09/2023
TitulaciónGrao en Enxeñaría Eléctrica
CentroEscola de Enxeñaría Industrial
Dirección Titoría: José Fernando Manzanedo García
Tribunal Presidencia: Luis Eduardo Eguizábal Gándara
Secretaría: Edelmiro Míguez García
Titoría: Fernando Lusquiños Rodríguez
ResumoNun contexto con alta penetración renovable instalada e con proxección a incrementarse aínda máis nos próximos anos, é fundamental garantir a seguridade de suministro e ter fontes de xeración capaces de adaptarse á demanda eléctrica xa que, ao non existir aínda unha tecnoloxía de almacenamento enerxético a gran escala viable, córrese o risco de que haxa momentos do día nos que, debido á falta de recurso solar e eólico, non se poida garantir o suministro.

Este papel poden exercelo as centrais hidroeléctricas e as centrais de xeración térmicas convencionais (carbón, ciclos combinados de gas e nucleares). As primeiras, en España, están limitadas pola súa capacidade produtiva, a cal non será posible aumentar excesivamente xa que as ubicacións máis rentables para o seu uso xa están ocupadas, polo que non será unha tecnoloxía capaz de abastecer toda a demanda. Por tanto, é fundamental empregar centrais de xeración termoeléctrica convencionais.

Na actualidade existe unha consigna clara por parte das institucións cara a unha descarbonización da economía e iso inclúe a transición cara a un sistema eléctrico libre de emisións. Por este motivo, en España, foron pechando todas as centrais térmicas de carbón. Por tanto, para realizar as tarefas de seguimento de carga unicamente quedarían as centrais de ciclo combinado de gas e as centrais nucleares. Porén, as centrais nucleares españolas, debido as súas características técnicas, están deseñadas para funcionar a carga base e non poden adaptarse á curva de demanda eléctrica. É por iso que, en España, os ciclos combinados son imprescindibles, xa que non existe outra tecnoloxía capaz de garantir a seguridade de suministro. Este feito provoca unha contradición cos obxectivos climáticos anteriormente mencionados, xa que as centrais de ciclo combinado queiman gas natural para o seu funcionamento.

Este feito foi a motivación para avaliar si existe outra tecnoloxía capaz de realizar o seguimento de carga do sistema eléctrico sen emitir gases de efecto invernadero. En países como Francia, con alta penetración nuclear no seu mix enerxético, realizaron modificacións no deseño dos reactores nucleares máis antigos incorporando mecanismos de operación flexible.

Tendo en conta que algunhas das centrais francesas modificadas tiñan un deseño similar ás españolas, neste traballo avaliarase a posibilidade de adaptar o deseño das centrais nucleares españolas, incorporando melloras que lles permitan operar de maneira flexible realizando un seguimento de carga, da mesma maneira que se fixo noutros países.

Este traballo incluirá a descrición do mix de xeración do sistema eléctrico español e a súa necesidade de ter tecnoloxías con seguimento de carga, a descrición dos tipos de centrais nucleares que existen en España e o seu principio de operación, as modificacións de deseño necesarias para incluír o mecanismo de seguimento de carga, os inconvenientes técnicos que poderían xurdir e a viabilidade económica si se levase a cabo todo este proceso.
Volver