Secretaría Uvigo - Estudo de alternativas de propulsión sostible en aviación rexional: o caso das Illas Canarias

Estudo de alternativas de propulsión sostible en aviación rexional: o caso das Illas Canarias

Data de defensa06/07/2022
TitulaciónGrao en Enxeñaría Aeroespacial
CentroEscola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo
Dirección Titoría: Carlos Ulloa Sande
Cotitoría: oscar castro alvarez
Tribunal Secretaría: Manuel Pérez Vázquez
Presidencia: Gloria María Pena Uris
Vogalía: Jacobo Antonio Troncoso Casares
ResumoNos últimos anos, a sostibilidade converteuse nun dos principais retos da industria aeronáutica. Nun contexto global de transición enerxética cara a fontes de enerxía máis limpas e renovables, o sector da aviación, que experimentou un crecemento imparable nas últimas décadas, tomou o liderado no desenvolvemento de tecnoloxías que permitan voar de forma máis eficiente e mitigar o impacto ambiental xerado pola súa actividade. Como proba diso, hoxe en día alternativas innovadoras para a propulsión sostible como os biocombustibles, as aeronaves eléctricas ou os motores de hidróxeno son xa unha realidade ou están moi preto de selo.

Para analizar o potencial que ofrecen estas opcións actualmente dispoñibles ou con indicios de ser viables nun futuro próximo, optouse por estudar a súa viabilidade mediante a análise de rutas e avións específicos, cada un correspondente a un segmento diferente. Nunha primeira parte do estudo obtivéronse os perfís de voo de cada ruta, diferenciando as súas etapas, para calcular o consumo de combustible e as emisións xeradas pola propulsión convencional.

Posteriormente, tendo en conta diferentes hipóteses, aplicáronse as citadas alternativas sustentables, determinando o potencial de mitigación ambiental que ofrece cada unha delas.

Co obxectivo de obter resultados que poidan ser trasladados á práctica, a análise céntrase nas Illas Canarias, rexión ultraperiférica da Unión Europea que presenta unha elevada mobilidade aérea, tanto entre as sete illas como co resto de España e o continente, e carece de calquera outro medio de transporte alternativo comparable.

Os cálculos deste estudo amosan perspectivas optimistas, confirmando as elevadas reducións de impacto ambiental acadadas, entre un 40 % e un 75 % con respecto á situación actual para as distintas opcións analizadas. Estes resultados confirman a posibilidade de que no futuro, a través da innovación e o desenvolvemento de novas tecnoloxías, o sector siga avanzando na súa descarbonización para conseguir un transporte aéreo viable, seguro e accesible para todos.
Volver