Secretaría Uvigo - Fiscalidade aplicada á actividade deportiva

Fiscalidade aplicada á actividade deportiva

Data de defensa23/11/2021
TitulaciónGrao en Administración e Dirección de Empresas
CentroFacultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Dirección Titoría: Alberto Gago Rodríguez
Tribunal Titoría: Alberto Gago Rodríguez
ResumoNa actualidade, o deporte estase a converter nunha das actividades máis puxantes a nivel mundial, debido a súa crecente influencia como sector económico, e, tamén, pola súa influencia no ámbito educativo, comercial, turístico, sanitario, cultural e de entretemento, lecer e tempo libre. Ademais, o deporte non é só unha actividade física que se realiza como unha afección, senón tamén unha profesión, xa que son moitos os deportistas que viven do deporte, nalgúns casos gañando grandes cantidades de diñeiro.
O deporte, así mesmo, é unha rede formada por múltiples axentes, privados ou públicos, que se van encargar do funcionamento das actividades que xera. En España atopamos diferentes axentes públicos ou privados, como poden ser o Consello Superior de Deportes, as Federacións, clubs, Sociedades Anónimas Deportivas, deportistas, etc.
Estes axentes poden ver gravadas as súas rendas polas actividades realizadas. Segundo o orixe, a estructura ou a natureza destas rendas e en función de quen sexa o suxeito que as obteña, estarán suxeitas a diferentes impostos. Deste modo, atopámonos con persoas físicas sometida ó Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, entidades que estarán suxeitas ó Imposto sobre Sociedades, pero tamén suxeitos pasivos sometidos ó Imposto sobre o Valor Engadido, ó Imposto sobre a Renda de non Residentes, etc.
No caso dos deportistas profesionais, dependendo da situación laboral na que se atopen, xa sexan contratados por unha entidades ou como autónomos, a natureza e tratamento fiscal das súas rendas será diferente. Ademais, os deportistas profesionais obteñen rendas procedentes da explotación dos dereitos de imaxe, que á súa vez se retribuen de diferente forma segundo a súa natureza.
Por último, o auxe que está a vivir o deporte, fai que se xeren grandes cantidades de diñeriro, o que implica unha crecente carga fiscal e un considerable desenvolvemento paralelo de novas fórmulas para a elusión e evasión das obrigacións fiscais. O principal instrumento para canalizar este tipo de fraudes consiste na creación de sociedades interpostas, radicadas en paraísos fiscais, que buscan reducir, e mesmo eliminar, os impostos asociados á trasmisión e explotación dos dereitos de imaxe.
Todos estes aspectos da fiscalidade relacionados coas actividades deportivas forman parte do interese deste TFG. Para abordalos, nos dous primeiros epígrafes posteriores a esta Introdución, farase unha descripción do sector económico e dos axentes que operan nel, antes de proceder no epígrafe cuarto a detallar as características e condicións de fiscalidade aplicadas a entidades, como ós deportistas, e, por último, comentaranse as estratexias de evasión fiscal máis utilizadas polos deportistas.
Volver