Secretaría Uvigo - Intervencións de enfermaría na prevención do consumo de cannabis nos adolescentes: revisión sistemática

Intervencións de enfermaría na prevención do consumo de cannabis nos adolescentes: revisión sistemática

Data de defensa05/11/2021
TitulaciónGrao en Enfermaría
CentroEscola Universitaria de Enfermaría Meixoeiro
Dirección Titoría: Rosa María Díaz Beloso
Tribunal Vogalía: Concepción Estévez Villar
Presidencia: María Victoria Lojo Vicente
Secretaría: MARÍA del MAR ALONSO PÉREZ
ResumoIntrodución: Debido á alta prevalencia do consumo de cannabis entre os adolescentes (10-19 anos), xorde a necesidade de deseñar e implementar programas de prevención levados a cabo por enfermeiros para reducir o consumo de cannabis mediante o estudo dos factores de risco e de protección.

Obxectivos: Determinar a efectividade das intervencións de enfermaría na prevención do consumo de cannabis en adolescentes que non son consumidores habituais. Obxectivos secundarios: describir as principais intervencións de prevención que realizan os enfermeiros e analizar os factores de risco e protectores do consumo de cannabis.

Material e método: Revisión sistemática da literatura dende decembro de 2020 ata maio de 2021. A busca realizouse en diferentes bases de datos: PubMed, LILACS, SciELO, CUIDEN, IBECS e Cochrane Library. Os criterios de inclusión foron os seguintes: estudos sobre intervencións para a prevención do consumo de cannabis en adolescentes (10-19 anos) que non o consumen habitualmente, estudos de intervencións de enfermaría na prevención do consumo e publicados nos últimos 5 anos, en inglés, castelán ou portugués. Os datos relevantes foron incluídos en táboas de evidencia e avaliouse a evidencia científica de cada artigo coa táboa United States Preventive Services Task Force.

Resultados: Na revisión incluíronse catro estudos que cumpriron cos criterios establecidos. As intervencións de enfermaría na prevención do consumo de cannabis foron efectivas en todos os estudos menos nun. A análise dos factores de risco e de protección do consumo de cannabis mostrou resultados positivos na disposición a fumar cigarros, no autocontrol emocional, na conexión e control parental, na resiliencia mental, no coñecemento, nos valores, nas habilidades, na percepción dos beneficios e na intención de consumir substancias.

Conclusións: As intervencións de enfermaría son efectivas para previr o consumo de cannabis nos adolescentes. Estas intervencións melloran os factores de risco e de protección do consumo de cannabis. Por iso, o persoal de enfermaría pode realizar intervencións para previr o uso desta substancia co fin de axudar á poboación adolescente.

Palabras clave: cannabis, adolescente, enfermaría e prevención.
Volver