Secretaría Uvigo - As algas mariñas e as súas aplicacións terapéuticas

As algas mariñas e as súas aplicacións terapéuticas

Data de defensa05/11/2021
TitulaciónGrao en Enfermaría
CentroEscola Universitaria de Enfermaría Meixoeiro
Dirección Titoría: Adolfo Paradela Carreiro
Tribunal Vogalía: María del Carmen Toucedo Estévez
Secretaría: Anthony Rostron
Presidencia: Jacinto Luis González Oya
ResumoINTRODUCCIÓN: as algas son coñecidas e utilizadas desde a antigüidade,
principalmente como fonte de alimento, debido á súa riqueza en proteínas, ácidos
graxos, minerais e vitaminas. Un xeito de clasificalas baséase nos tipos de pigmentos
que teñen, dándolles a súa cor característica: vermellas, verdes e marróns. Na
actualidade, existe un gran interese no coñecemento e aplicabilidade dos compostos
bioactivos das algas, tanto a nivel terapéutico como económico, xa que son un recurso
natural de fácil obtención e tamén cultivable.
OBXECTIVOS: recoller e organizar información accesible sobre as actividades
terapéuticas dos compostos bioactivos das macroalgas, concretamente sobre a súa
actividade anticancerÍxena e antimicrobiana.
MATERIAL E MÉTODOS: realizouse unha busca bibliográfica sobre os compostos
bioactivos das algas e as súas aplicacións terapéuticas.
RESULTADOS: creouse unha táboa que expón a seguinte información: tipo e cantidade
de compostos bioactivos estudados; tipo e cantidade de algas estudadas; tipo de
microorganismo, cancro ou liña celular sobre a que se basearon os estudos da
actividade dos compostos bioactivos; a referencia bibliográfica do estudo ou estudos
específicos da actividade do composto bioactivo obtida a través da referencia
bibliográfica base; a referencia xeral que procede da busca bibliográfica base e da que
se obtivo a información específica necesaria.
CONCLUSIÓNS: As macroalgas máis empregadas nos estudos sobre a actividade
antimicrobiana son as algas vermellas, mentres que as algas pardas son as máis
empregadas nos estudos relacionados coa actividade anticanceríxena. Os polisacáridos
das algas vermellas son os compostos bioactivos con maior actividade potencial contra
as enfermidades infecciosas. As enfermidades infecciosas máis estudadas foron as
causadas polos virus do herpes, da inmunodeficiencia humana e do dengue e por
bacterias da especie Staphylococcus e a bacteria Escherichia coli. Os metabolitos
secundarios das algas pardas son os compostos bioactivos con maior actividade
anticanceríxena. O cancro de colon é o tipo de cancro máis estudado, seguido de cancro
de mama, leucemia e cancro de pulmón. Na actualidade existen patentes relacionadas
con compostos bioactivos de algas ou os seus extractos e con actividade
anticanceríxena e antimicrobiana. As macroalgas son recursos naturais cun gran
potencial de uso e aplicación na loita contra o cancro e as enfermidades infecciosas.
Palabras chave: algas mariñas, farmacoloxía, compostos bioactivos, cancro,
enfermidades infecciosas.
Volver