Secretaría Uvigo - Deseño e implementación dunha ferramenta de software para a transferencia de datos de trazabilidade na área produtiva dunha empresa de compoñentes de automoción.

Deseño e implementación dunha ferramenta de software para a transferencia de datos de trazabilidade na área produtiva dunha empresa de compoñentes de automoción.

Data de defensa17/09/2021
TitulaciónMáster Universitario en Enxeñaría Industrial
CentroEscola de Enxeñaría Industrial
Dirección Titoría: Julio Garrido Campos
Tribunal Vogalía: Amador Rodríguez Diéguez
Presidencia: Celso Fernández Silva
Vogalía: José Ignacio Armesto Quiroga
Secretaría: Blanca Nieves Miranda Blanco
Vogalía: Andres Augusto Nogueiras Meléndez
ResumoNa planta de BorgWarner Emissions Systems preténdese integrar os datos de trazabilidade das distintas liñas produtivas de módulos EGR nun único servidor de base de datos. Coa posta en marcha dos dous novos proxectos, o HR12 de Renault e o novo módulo de BMW, cuxa trazabilidade estará centralizada neste único servidor, aproveitarase para transferir os datos das liñas xa existentes, e satisfacer así a demanda dos distintos clientes. Con este novo sistema de almacenamento centralizado preténdese aumentar a dispoñibilidade dos datos e mellorar a estratexia de respaldo de datos.
Este Traballo Fin de Máster ten como obxectivo desenvolver unha solución informática para a extracción, transformación e carga de datos (ETL) co fin de adaptar as tecnoloxías de trazabilidade existentes en planta a un novo paradigma de almacenamento de datos. Estes sistemas de trazabilidade deberán coexistir co novo sistema, de forma que na base de datos central non se poida distinguir a orixe dos datos. Para iso, será necesario estudar tanto o antigo sistema de trazabilidade como o novo e desenvolver unha ferramenta a medida capaz de cumprir co devandito obxectivo.
A implantación da solución definitiva constará das seguintes fases: en primeiro lugar, analizaranse as estruturas das bases de datos xa existentes; en segundo lugar, migraranse os datos mediante scripts de SQL, mapeándoos das bases de datos antigas ás novas; en terceiro lugar, desenvolverase unha aplicación baseada en Python que realice consultas periódicas aos servidores das actuais liñas, transforme os datos consultados co formato da base de datos de destino e finalmente, cargue os datos para almacenalos no servidor central. Co fin de garantir a correcta inserción de información na base de datos de destino, a comunicación establecerase mediante unha API desenvolta pola empresa propietaria do devandito servidor. Por último, para completar a implantación do novo sistema, realizaranse distintas probas para validar a robustez, a fiabilidade e a seguridade da transferencia de información e as comunicacións.
Volver