Secretaría Uvigo - Deseño dunha planta de produción de astaxantina por fermentación directa utilizando residuos alimentarios.

Deseño dunha planta de produción de astaxantina por fermentación directa utilizando residuos alimentarios.

AutoríaOlga López Aranda
Data de defensa13/09/2023
TitulaciónGrao en Enxeñaría en Química Industrial
CentroEscola de Enxeñaría Industrial
Dirección Titoría: María Ángeles Sanroman Braga
Cotitoría: Marta María Pazos Currás
Tribunal Presidencia: Estrella Álvarez da Costa
Vogalía: Sandra Bolaño García
Secretaría: Maria Remedios Yañez Diaz
ResumoHoxe, unha cidade como Vigo xera un gran volume de residuos urbanos, o 42% dos cales son orgánicos (en 2021, 46.700 toneladas de biorresiduos). A reciclaxe e reutilización destes residuos reducen o impacto ambiental e a contaminación, a emisión de gases nocivos, diminuíndo a xeración de malos cheiros, a xeración de lixiviados e a acumulación en vertedoiros. Unha opción para este tipo de residuos é a biorefinería, que utiliza estes residuos como substrato nun proceso biotecnolóxico para producir compostos de alto valor engadido, contribuíndo así á economía circular.
Os residuos orgánicos inclúen os residuos de alimentos compostos polos restos producidos na elaboración das comidas, xa sexan crus ou cocidos, os restos destas, restos de froitas, verduras... Están compostos principalmente por hidratos de carbono, proteínas e lípidos, son materias primas con gran potencial para obter produtos valiosos; son un bo medio de cultivo para empregar na fermentación con diferentes tipos de microorganismos: bacterias como Caldicellulosiruptor saccharolyticus para obter hidróxeno e metano ou Bacillus coagulans, para producir ácido láctico; lévedos, entre eles Saccharomyces cerevisiae, obtendo etanol ou Phaffia rhodozyma para producir astaxantina, produto no que se centra este traballo.
A astaxantina é un carotenoide, moi utilizado como pigmento e alimento para peixes e crustáceos; entre outras propiedades, cabe destacar a súa propiedade como poderoso antioxidante natural, ten propiedades antiinflamatorias, estimula o sistema inmunitario, actúa sobre o sistema cardiovascular; polo tanto, úsase cada vez máis en complementos alimenticios, nas industrias cosmética e farmacéutica. A astaxantina sintética emprégase para o seu uso como aditivo na alimentación animal e como colorante alimentario, para outros usos é necesario producir astaxantina natural purificada, o que implica un alto custo económico.
Neste Traballo Fin de Grao (TFG) proponse o deseño e simulación dunha planta de produción de astaxantina natural purificada, mediante fermentación directa con lévedo Phaffia rhodozyma, utilizando como medio de cultivo residuos alimentarios; reducindo así os custos económicos e poñendo en valor os residuos. Estúdase o proceso de produción, que a fermentación directa é un bo método (alta produción e baixo custo), a idoneidade dos residuos alimentarios como medio de cultivo e a purificación do produto. Finalmente, o proceso industrial deséñase simulando o proceso de produción mediante o programa SuperPro Designer.
Volver