Estudo experimental do proceso de impresión 3D co obxectivo de optimizar a rugosidade superficial
Data de defensa | 05/07/2022 |
Titulación | Grao en Enxeñaría Aeroespacial |
Centro | Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo |
Dirección |
Titoría: Diego Carou Porto |
Tribunal |
Presidencia: Carlos Ulloa Sande Vogalía: Alejandro Manuel Gómez San Juan Secretaría: María Begoña Cid Iglesias |
Resumo | No presente TFG realízase un estudo experimental do proceso de fabricación aditiva FDM co fin de optimizar unha das súas principais limitacións: a rugosidade superficial. Por este motivo, decídese buscar estudos previos similares para entender mellor o proceso e detectar oportunidades de investigación, de xeito que intenta contribuír neste campo dos procesos de fabricación. Seleccionáronse parámetros de impresión estudados con menor detalle. Ademais, decidiuse estudar a rugosidade nas paredes externas así coma nas internas, porque se trata dun tipo de estudo menos habitual na literatura. O estudo baseouse nun deseño de experimentos factorial fraccionado con cinco factores de dous niveis: a temperatura da cama, a temperatura de impresión, a velocidade de impresión, a porcentaxe do ventilador e o grosor da parede. Por dito motivo deseñáronse e imprimíronse probetas adecuadas mediante FDM. A rugosidade superficial mediuse mediante un rugosímetro de contacto 2D, e realizáronse 15 medicións en cada probeta (9 externas e 6 internas), cuxo resultado foi o de dous valores tras cada unha das medicións (Ra e Rz). Os resultados obtidos analizáronse mediante métodos gráficos e numéricos. En concreto, destaca o uso da análise estatística ANOVA que permite detectar os factores e as interaccións que son significativos e aqueles que non afectan á rugosidade e aos cales o usuario non lles deberá de prestar atención. Un resultado de interese da investigación é a identificación de, en xeral, unha peor rugosidade superficial no interior das pezas impresas. Ademais, mediante o ANOVA comprobouse que o grosor da parede, a temperatura de impresión e a interacción entre a temperatura da cama e a velocidade de impresión son factores significativos no exterior da peza. No interior o único factor significativo é a velocidade de impresión. Finalmente, analizados como factores principais, a temperatura da cama e o ventilador non son significativos, polo que non terán efecto sobre os parámetros de rugosidade. |