Conflito socioambiental do parque eólico ?Albariño I?
| Data de defensa | 04/07/2022 |
| Titulación | Grao en Economía |
| Centro | Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais |
| Dirección |
Titoría: Xavier Simón Fernández |
| Tribunal |
Titoría: Xavier Simón Fernández |
| Resumo | Neste traballo realízase unha descrición e análise do conflito medioambiental que está ocorrendo na actualidade na Serra da Groba polo futuro proxecto eólico Albariño I, levado a cabo pola empresa Ceólica Hispania S.L. O obxectivo é valorar a situación atendendo ás lóxicas dos opositores fronte ás partes interesadas da instalación do parque e rematar cun apartado para determinar de que forma se transforma en procesos de acción colectiva os conflitos ecolóxicos que emerxen dos cambios sociometabólicos? Os cambios que se poden desenvolver na configuración sociometabólica dunha sociedade mediante a actividade humana nun medio natural creando novos beneficios e cargas ambientais, provoca confrontacións de intereses e conflitos sociais. O cal produce movementos de xustiza medioambiental. Un exemplo disto é o plan de construción do parque eólico Albariño I na Serra da Groba, nos concellos de Tomiño, Baiona e Oia. Este proxecto, levado a cabo pola empresa Ceólica Hispania S.L. preténdese instalar nun espazo natural cunha gran riqueza patrimonial e ecolóxica. Esta premisa, fai que coexistan diferentes intereses, favorables e contrarios á execución deste proxecto. Por unha banda, os inversores do proxecto aseguran múltiples beneficios, tales como o interese económico que traería a inversión para a zona; a consecuente redución de gases de efecto invernadoiro, ao ser unha enerxía limpa, e consecuentemente mellor en comparación a calquera non renovable; escúdanse tamén en que é unha fonte de enerxía inesgotable e eficiente; o proxecto axudaría á independencia enerxética fronte a outros países; ademais é necesario cumprir os requisitos do Pacto Verde Europeo, e é un paso adiante para a consecución dos obxectivos; e tamén predín mellorar o sistema de infraestruturas da zona. Pola outra banda, os opositores denuncian problemas relacionados coas poligonais e coa ADE (Área de Desenvolvemento eólico), xa que acusan á promotora de non cumprir o proxecto de forma lícita; denuncian fragmentación fraudulenta dos parques para evitar a lexislación estatal; tamén se queixan da consecuente destrución da paisaxe da serra, do patrimonio e da biodiversidade; negan a suposta creación de empregos que promete a promotora e declaran que o beneficio é exclusivo para a empresa eólica; e ademais, indican como negativo a futura fonte de ruído que producirán as máquinas. Todo isto converxe nun debate social no que se disputa o futuro da Serra da Groba. Emerxen procesos de xustiza medioambiental mediante accións colectivas como manifestacións, coloquios e alegacións en contra do procedemento da instalación dos muíños eólicos.Estas accións propician unha realidade máis próxima a transicións enerxéticas máis xustas, inda se non logra o éxito a detención deste parque eólico en concreto e permita encamiñar a unha transición ecolóxica máis equitativa, tanto de forma territorial, como de forma distributiva. Palabras Clave: Serra da Groba, enerxía eólica, configuración sociometabólica, conflito medioambiental, Albariño I, transición enerxética, xustiza medioambiental. |