Secretaría Uvigo

Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo (Pontevedra, 1939-1976)

portada
CategoríaFóra de colección
ISBN/ISSN978-84-1188-078-7
DOIhttps://doi.org/10.35869/1188.787
Número de serie
Formato17 x 24 cm
Ano de edición2025
Número páxinas1000
Prezo13.00 €
Autores Germán Manuel Torres de Aboal
DescriciónO libro Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo (Pontevedra, 1939-1976) de Germán Manuel Torres de Aboal, trata dunha biografía intelectual e educativa do profesor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Baseado na súa tese doutoral, dita obra fai unha descrición pormenorizada e unha análise da función docente e directiva desempeñada por Filgueira Valverde no Instituto de Pontevedra, que foi declarado instituto modelo en 1957 e no que o profesor Filgueira, durante moitos anos, desempeñou un labor digno de consideración.

O estudo basease nunha fonda investigación básica de carácter cualitativo, por medio da indagación arquivística e documental, dos que destacariamos tres arquivos: o arquivo documental e gráfico do Museo de Pontevedra, o arquivo do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, e o arquivo da Universidade de Santiago. Manexáronse, pois, as fontes primarias, secundarias e terciarias. Tamén coa consulta dunha abondosa bibliografía. Destacar a importantísima colaboración da familia Filgueira-Iglesias que en todo momento nos facilitou o acceso a canta documentación, bibliografía, documentación gráfica e información nos foron necesarias e útiles. O autor agradece tamén a autorización da familia para utilizar todos os materiais aos efectos da tese e das publicacións sobre o profesor Filgueira Valverde.

Despois da revisión da ampla documentación manexada, chegamos á conclusión de que o profesor Filgueira Valverde foi un docente humanista innovador polo seu labor docente e directivo. No seu instituto tiña moita importancia unha educación que transcendía o muro das aulas polas actividades educativas e culturais que se desenvolvían no Instituto de Pontevedra nesta etapa histórica.

Filgueira Valverde pretendía un ensino activo e creativo da lingua e da literatura, promovía a lectura e a escritura, os comentarios de texto, as conferencias, as declamacións, a utilización do teatro escolar, do cine e daba moita importancia á música, á educación física e ao deporte, ás excursións.
Atrás