Descrición | O Plan Boloña foi un ciclón que veu a axitar a vida do estudantado: da noite para a mañá víronse na obriga de elaborar Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado que desen conta das súas capacidades investigadoras. Mais non había instrumentos para axudar a triunfar nesta esixencia. Este libro pretende cubrir ese oco en lingua galega. As súas achegas son contidos claros nacidos ao abeiro dunha filosofía práctica, que permita aplicar o aprendido cubrindo todas as fases de investigación (desde a escolla do tema á defensa oral). A idea fundamental deste manual é que a escritura científica constitúe un código concreto que se pode aprender e para dominalo cómpre adestrar. Estas páxinas ofrecen a estudantes, persoas investigadoras e persoal titor claves prácticas para artellar calquera traballo científico con sensatez e posibilidades de éxito de xeito sinxelo e accesible. |