Secretaría Uvigo

Deseño en formación ocupacional e inserción laboral

portada
CategoríaManuais (Banda Verde)
ISBN/ISSN978-84-8158-383-0
Número de serie37
Formato17 x 24 cm
Ano de edición2008
Número páxinas260
Prezo10.00 €
Autores Mª Carmen Sarceda Gorgoso
DescriciónDeseño en Formación Ocupacional e Inserción Laboral é un libro que ofrece unha base teórica e conceptual sobre algúns dos conceptos máis relevantes dentro do que sería a formación profesional, tentando converterse nun referente para as persoas que, no seu ámbito laboral, teñan relación co deseño da formación para o traballo e coa inserción no mundo laboral. A súa organización concrétase en cinco capítulos. O primeiro aborda a formación para o traballo no contexto europeo a través dun percorrido polas organizacións que desenvolven a súa tarefa na formación profesional, así como nos programas de formación que, dende a Comunidade Europea, se levaron a cabo coa intención de desenvolver competencias profesionais. Dende as primeiras iniciativas ata as perspectivas para o ano 2013, faise unha análise detallada daquelas, facendo fincapé nos seus obxectivos e finalidades, así como nos recursos previstos para o seu desenvolvemento.

No segundo capítulo a atención céntrase na formación profesional inicial con referencia aos niveis de cualificación, aos antecedentes e á situación actual. Dende unha concepción do sistema de formación profesional como un conxunto integrado por diferentes subsistemas interrelacionados e interdependentes que teñen como obxectivo a cualificación profesional, vólvese a vista atrás e faise un percorrido sobre como foi evolucionando o sistema educativo con relación ás ensinanzas profesionais dende a Lei xeral de educación do ano 1970 ata a situación máis actual derivada da Lei de educación do pasado ano 2006. Coa reforma destas ensinanzas, a formación para o traballo vai tomando un forte pulo e van organizándose distintos niveis acordes cos niveis de cualificación contemplados a nivel europeo.

Os subsistemas de formación ocupacional e continua son obxecto do terceiro capítulo. Partindo da situación actual considerada no Acordo Profesional para o Emprego que marca como obxectivo a confluencia dos subsistemas de formación ocupacional e continua, faise unha análise das primeiras tentativas de integración da formación para o traballo. Xunto a isto, préstase especial atención ás iniciativas e aos programas actuais de formación e emprego e que se dirixen cara a un dobre obxectivo: mellorar as competencias profesionais e favorecer a inserción laboral. O cuarto capítulo aborda especificamente o deseño en formación ocupacional. Partindo da relación entre formación e emprego e na esixencia realizada dende a planificación de programas de formación da obriga de tomar as necesidades como punto de arranque de calquera proposta de deseño en formación, o eixe sobre o que se asenta este capítulo sitúase na análise de necesidades, adquirindo especial relevancia a conceptualización, tipos, modelos de avaliación e metodoloxía para a detección de necesidades. O quinto capítulo aborda un tema tan complexo como o da inserción laboral. Nel faise referencia a programas destinados a incrementar o autoemprego nunha dobre dimensión: económica e a nivel de xestión. Tamén se fai unha análise do Servizo Galego de Colocación, e da iniciativa Europass.
Atrás