Secretaría Uvigo

Planificar a docencia

No actual contexto, é máis importante ca nunca planificar a docencia virtual. Cómpre realizar unha planificación previa do plan de traballo para, por unha banda, evitar sobrecargar o estudantado con tarefas e/ou contidos e, por outra, para que teña a información precisa do que ten que facer. 

Recomendámosche que realices unha guía de traballo detallada que recolla os obxectivos, os contidos, os recursos, as actividades, o tempo estimado de dedicación e a avaliación. 

Revisa os materiais didácticos e as actividades que vas compartir co teu estudantado e tenta enriquecelos para que sexan máis interactivos e multimedia combinando diferentes tecnoloxías como textos, imaxes e/ou vídeos. Por exemplo, se xa tes creado un documento Power Point, introdúcelle audio ou elabora vídeos breves que podes subir de xeito oculto a Youtube e compartir por FaiTIC mediante unha ligazón.

Prepara resumos coas ideas máis importante de cada tema, recoméndalle outros recursos de apoio, planifica actividades individuais e/ou grupais nas que o estudantado poida aplicar o aprendido así como exercicios autoavaliativos para reforzar a súa aprendizaxe.

Ademais de subir o material á aula virtual, avisa o teu estudantado e explícalle claramente o que esperas que faga co material dispoñible. 

Procura que as actividades que propoñas a través da aula virtual leven un título que as identifique, unha descrición detallada (o estudantado debería ter unhas instrucións concretas e claras para realizalas xunto cos materiais ou recursos necesarios), unha temporalización (un prazo de realización e unha data límite de envío) e os criterios que se empregarán para avaliala. Se o consideras oportuno, tamén podes desenvolver unha rúbrica para avaliar esa actividadade.

Por último, lembra que é moi importante que o estudantado poida compartir os seus comentarios, opinións e suxestións tanto individual coma colectivamente. A súa motivación depende disto en moitas ocasións, polo que debemos ofrecerlle información sobre o seu progreso e os obxectivos acadados para reforzar a súa participación.

Atrás