Como podo facer unha copia de seguridade da miña materia en MooVi?
En MooVi manteranse as materias de dous cursos académicos, o actual e o anterior. Por iso, é recomendable que ao rematar o curso actual realices unha copia de seguridade das materias en MooVi para almacenalas nun lugar seguro e poder recuperalas no futuro se o precisas.
As materias dos cursos 2020/21 e 2021/22 están aloxadas na páxina:
https://moovi2020-2022.uvigo.gal/
Para realizar unha copia de seguridade sigue estes pasos (para a versión 3.9):
- Accede á materia en MooVi ou na máquina de histórico correspondente.
- Fai clic no menú de accións despregable con forma de roda, situado na parte superior dereita, e escolle "copia de seguridade".
- Se queres copiar todos os contidos, fai clic en "Ir ao último paso" e agarda a que saia a mensaxe "Creouse satisfactoriamente o ficheiro de copia de seguridade". En caso de só querer copiar certos contidos do curso, preme en "Seguinte" e selecciona os elementos que desexas incluír na copia.
- Fai clic en "Continuar".
- En "Área da copia de seguridade privada de usuario" aparecerá o ficheiro .mbz da copia, preme en "Descargar" para almacenalo no teu ordenador.
- En MooVi en produción, unha vez descargado, é moi importante por temas de espazo, eliminar as copias. Para borralas, debes seleccionar o botón inferior "Xestionar os ficheiros de copia de seguridade". Na fiestra que se abre, aparecen os ficheiros das copias realizadas, ao premer sobre o ficheiro aparece a opción "eliminar". Por último, unha vez borrado, preme en "Gardar os cambios".
IMPORTANTE: debes xestionar as túas copias de seguridade e borralas de MooVi, xa que por temas de mantemento, en calquera momento, poden eliminarse sen previo aviso.
Tes dúas guías cunha descrición paso a paso de todo o proceso. Hai dúas versións para descargar: a da versión 3.9 de Moodle, necesaria para as materias do curso 2020/21 e 2021/22, e a da versión 4.1 do curso actual.