Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
Volve a programación de Rutas Culturais da Universidade de Vigo organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte.
Camiñar para coñecer, interpretar e valorar o patrimonio que nos rodea son as claves deste programa que vai xa pola súa 28ª edición.
Despois da primeira ruta celebrada o pasado 24 de outubro levaranse a cabo tres rutas máis antes da finalización do ano 2026:
14 de novembro · A CUBELA
Castro de Abaixo – Torbeo – A Cubela
Percorrido circular por unha das paisaxes máis singulares da Ribeira Sacra, partindo de Castro de Abaixo e ascendendo ata Torbeo para posteriormente descender cara ao Sil.
A ruta permitirá descubrir a igrexa románica de Santa María de Torbeo, antigos camiños, soutos e a espectacular paisaxe do meandro da Cubela, regresando finalmente seguindo o val do Sil.
Ruta circular · Dificultade media
28 de novembro · CAMPO LAMEIRO
Paisaxe e arte rupestre
Campo Lameiro será o escenario da terceira ruta do cuadrimestre. Un territorio especialmente coñecido pola extraordinaria concentración de petroglifos e gravados rupestres, que constitúen un dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes de Galicia.
O itinerario combinará arqueoloxía, bosque atlántico, muíños e as contornas fluviais dos ríos Maneses e Lérez, permitindo interpretar unha paisaxe transformada e habitada durante milleiros de anos.
Ruta circular · Dificultade media
12 de decembro · RÍO GRAÑAL
Esgos – Tarreirigo – Os Gozos
O primeiro cuadrimestre rematará cun percorrido lineal seguindo a contorna do río Grañal, desde Esgos cara a Tarreirigo e Os Gozos.
Unha ruta próxima á cidade de Ourense que permitirá descubrir antigos camiños, aldeas, muíños, bosques e elementos relacionados co aproveitamento tradicional da auga, poñendo en valor o patrimonio etnográfico da zona.
Ruta lineal · Dificultade media
As inscricións están abertas de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á súa celebración permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo de cada ruta oscila segundo o colectivo de pertenza e cada unha recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.
- extension@uvigo.gal
- 986 812 182