Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Un mar de mulleres e Oceánicas, dúas exposicións no campus Lagoas, Marcosende

Biblioteca

20-10-2026 ata: 30-11-2026

Desde hoxe podedes visitar na Biblioteca Central do Campus de Vigo a exposición Un mar de mulleres, unha homenaxe ás mulleres que traballaron e traballan en actividades relacionadas co mar: mariscadoras, redeiras, peixeiras, traballadoras das salgaduras ou das conserveiras…

Un mar de mulleres consta dunha mostra bibliográfica relacionada con estes temas e una selección de fotos de Mar Caldas, profesora de Belas Artes e recente Premio da Crítica de Galicia 2026 na modalidade de Artes Plásticas. Son fotos pertecentes aos seus proxectos “Facedoras de Bueu” e “Facedoras do Baixo Miño”: retratos de mulleres reais nas que a artista toma como referencia obras mestras da historia da arte para destacar a achega feminina aos sectores laborais relacionados, neste caso, co ámbito marítimo.
 
Ao mesmo tempo, na entrada do Edificio de Ciencias Experimentais, podedes ver desde hoxe a exposición Oceánicas, pioneiras da oceanografía, que rende homenaxe ás traballadoras vinculadas ao mundo mariño, neste caso desde a perspectiva da investigación científica. Esta exposición itinerante do Instituto Español de Oceanografía, consta de 12 paneis nos que se conta a historia de 20 científicas ilustres dedicadas ao estudo dos océanos, algunhas delas bastante esquecidas. Xunto á mostra podedes contemplar unha selección de exemplares de moluscos, ourizos, corais e outros organismos mariños, parte deles pertencentes á colección particular do profesor Jesús Souza Troncoso. Na Biblioteca de Ciencias, unha selección bibliográfica de libros e revistas complementa esta exposición. 

O mércores 21 de outubro ás 11 h. haberá unha “charla con café” de Alberto González-Garcés, doutor en Bioloxía Mariña, que foi director do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), que leva por título “Ángeles Alvariño, primeira oceanógrafa galega de relevancia mundial”. Será no Salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, e será a charla inaugural da Exposición Oceánicas neste edificio.

Agardámosvos!

Biblioteca da Universidade de Vigo
Biblioteca Central, Campus Lagoas-Marcosende, 36310 VIGO
Tel. 986 813 843
referencia@uvigo.gal
@biblio_uvigo