Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

nova convocatoria Xunta de Galicia proxectos de educación para o desenvolvemento e cidadanía global

Información ao PDI

29-07-2026 ata: 29-08-2027

Prezado PDI:

Informámosvos da publicación da convocatoria da Xunta de Galicia para a concesión de subvencións destinadas á execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e cidadanía global para o ano 2026 (código de procedemento PR804A).

As bases da convocatoria, os formularios necesarios e a información complementaria poden consultarse na seguinte páxina web de Cooperación Galega: https://cooperacion.xunta.gal/gl/convocatorias/educacion-para-o-desenvolvemento-e-cidadania-global-2026

Obxecto da convocatoria: a convocatoria ten por obxecto a concesión de subvencións para a realización de proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das seguintes catro dimensións:

  • Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e das causas da pobreza.
  • Formación sobre o desenvolvemento e difusión, nos ámbitos educativos, do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento, así como formación vinculada ao fortalecemento da entidade e da súa base social.
  • Investigación sobre o desenvolvemento sostible e a cidadanía global.
  • Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade que contribúan a acadar metas globais de desenvolvemento sostible e que versen sobre iniciativas a favor da solidariedade e da xustiza global, do apoio á acción humanitaria ou da cooperación para o desenvolvemento sostible global. Inclúese neste apartado a elaboración de planificacións, diagnósticos e posicionamentos que fortalezan as organizacións nesta dimensión.

Os proxectos deberán ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e o seu contido estar claramente relacionado con este ámbito. 

Condicións de financiamento: a convocatoria poderá financiar ata o 95 % do orzamento total do proxecto.

A contía máxima da subvención será a seguinte:

  • Ata 26.000 € para proxectos anuais.
  • Ata 37.000 € para proxectos plurianuais.
  • No caso de proxectos presentados por unha agrupación de entidades, a subvención máxima será de 36.000 € para proxectos anuais e de 47.000 € para proxectos plurianuais.

Nos proxectos plurianuais, a subvención concedida distribuirase do seguinte xeito: 40 % na anualidade 2026 e 60 % na anualidade 2027.

O persoal docente e investigador da Universidade de Vigo interesado en presentar unha solicitude deberá comunicar o antes posible o seu interese contactando coa Oficina de Proxectos Internacionais – Área de Educación a través do correo electrónico dir.edu.opi@uvigo.gal.

O prazo límite establecido pola Xunta de Galicia para a presentación de solicitudes é o 28 de agosto de 2026.

Tendo en conta a época estival, a data de publicación desta convocatoria, e co fin de poder realizar a tramitación institucional correspondente na Universidade de Vigo, así como proceder ao rexistro das solicitudes por parte da OPI na sede electrónica da Xunta de Galicia, establécese como prazo interno para a remisión da documentación á OPI ao correo electrónico dir.edu.opi@uvigo.gal o 25 de agosto de 2026 ás 12:00 horas.

A OPI–área de educación prestará apoio na preparación das solicitudes e facilitará a información institucional necesaria para completar o documento de formulación.

Un saúdo cordial,

Eva Garea Oya
Directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación
Oficina de Proxectos Internacionais
Universidade de Vigo