Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
CAMPAÑA VACINACIÓN ANTIGRIPAL 2015
O Servizo de Prevención de Riscos da Universidade de Vigo en colaboración co Servizo de Prevención Alleo (UNIPRESALUD) organiza a campaña de vacinación antigripal 2015 dirixida a todos/as os empregados/as da Universidade.
Que é a gripe?
É unha enfermidade infecciosa aguda das vías respiratorias causada por un virus. Entre as súas características mais importantes está a súa elevada capacidade de transmisión dunha persoa a outra.
Quen debe vacinarse?
A vacinación recoméndase fundamentalmente para as persoas con alto risco de sufrir complicacións en caso de padecer a gripe e para as persoas en contacto con estes grupos de alto risco. Tamén é recomendable en traballadores que prestan servizos comunitarios (bombeiros, policías,…), persoal docente e persoal que traballa con colectividades relativamente grandes.
Quen non debe ser vacinado?
- As persoas con alerxia ao ovo, con hipersensibilidade ás proteínas do ovo ou que tivesen algunha reacción alérxica severa a unha vacinación anterior con vacina da gripe.
- Se ten unha enfermidade aguda con febre alta debe esperar ata que esta situación remita.
Consultar co servizo médico a súa situación particular antes do día da vacinación: situación de estado de embarazo, se padeceu recentemente ou padece algunha enfermidade importante, se está vostede coas defensas baixas (inmunodeprimido), se ten febre ou infección aguda, se está a tratamento con corticosteroides e/ou anticoagulantes orais, se está sometido a quimioterapia ou radioterapia, se padece algunha alerxia, etc.
Como teño que facer para vacinarme?
Se está vostede interesado en vacinarse deberá encher o formulario do seguinte enlace e envíalo o Servizo de Prevención de Riscos Laborais, Edif. Isaac Newton, Bloque C – Campus Lagoas Marcosende, ou ben por fax ao 986 813427 ou por correo electrónico a sprlformacionesaude@uvigo.es
http://www.uvigo.es/opencms/export/sites/uvigo/uvigo_gl/DOCUMENTOS/prevencion/sol_vacina.pdf
Se o seu navegador non lle permite cubrir o formulario directamente, descárgueo e ábrao con Adobe Acrobat. Unha vez cuberto, prema o botón “Enviar por correo electrónico”, abrirase unha xanela emerxente que lle dará opción de enviar a solicitude a través do seu programa de correo electrónico (Outlook, etc...) ou do seu provedor de correo electrónico a través da web (Gmail, Hotmail, etc..)
O prazo para solicitar a vacina remata o 23 de outubro de 2015
Unha vez inscrito remitiráselle un correo electrónico confirmando o lugar, data e hora para a vacinación.