Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
MOSTRA “MAPA DE EVACUACIÓN DE GAZA” NO CAMPUS DE VIGO
Información cultural
30-04-2026 ata: 24-05-2026NON ESQUEZAMOS PALESTINA!
Ata o 22 de maio, poderá visitarse a mostra “Mapa de evacuación de Gaza” que permanecerá instalada nos exteriores do centro comercial da Cidade Universitaria.
Son vinte pinturas e debuxos que reflicten o sufrimento e a morte polas bombas, os desprazamentos forzados, a fame provocada e todo o acoso e persecución que Israel está causando ó pobo palestino. As obras, agrupadas en tres series distintas, foron creadas por Mohammed Al-Haj na propia franxa de Gaza, onde aínda segue vivindo. O museo de Palestina nos EEUU e Edimburgo cedeu os arquivos dixitais das pezas, que foron impresas sobre lonas para montalas en módulos metálicos. A asociación cultural radioliverdade.com estableceu os contactos e participa na produción da exposición.
A abráiante obra de Mohammed Al-Haj amosa con claridade o impacto humano do desprazamento repetido debido aos mapas de evacuación en Gaza. A través de cores expresivas e retratos emotivos, Al-Haj capta o medo, o terror, a ansiedade e a tensión que acompañan as evacuacións forzadas, reflexionando sobre o custo emocional tanto para as persoas desprazadas coma para a sociedade palestina no seu conxunto. A exposición explora a historia do desprazamento en Palestina, establecendo paralelismos entre o pasado e o presente, e convida ao público a reflexionar sobre a resiliencia do pobo palestino en medio do conflito continuo. As obras de Al-Haj formulan a pregunta: queda aínda esperanza de vida no que resta de Gaza?
O artista
Mohammed Al-Haj é un artista visual palestino de Gaza, nado en 1982. A súa familia foi desprazada da súa aldea, Kawkaba, durante a limpeza étnica de 1948. A súa obra explora a relación entre as persoas e a terra, cuestionando o destino do pobo palestino desprazado desde a Nakba de 1948. Actualmente, desprazado e residente no campo de refuxiados de Nuseirat, Al-Haj acadou un amplo recoñecemento, consolidando a súa posición como unha voz destacada na escena artística gazatí.
- cartel [2859.94 Kbytes]
- extension@uvigo.gal
- +34 986 813 626