Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

convocatoria AECID cooperación_innovación 2026

Información ao PDI

28-04-2026 ata: 28-04-2028

Prezado PDI:
Informámosvos que acabamos de ter coñecemento na Oficina de Proxectos Internacionais, Área de Educación, da nova publicación por parte da AECID da Resolución da Convocatoria anual de subvencións para a realización de accións de cooperación ao desenvolvemento no ámbito da innovación 2026. O extracto foi publicado no BOE do 22 de abril de 2026. Mais información en:  https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatorias/900317 e na páxina específica da AECID.

A presente convocatoria que conta cun orzamento total de 1M, ampliable a un máximo de 10 M, ten como obxecto o financiamento de:

  1. ACCIÓNS DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO NO EIDO DA INNOVACIÓN que aborden desafíos sociais, económicos, medioambientais e de desenvolvemento da Axenda 2030. Estas accións deberán impulsar solucións innovadoras, xa desenvolvidas e testadas con éxito a nivel piloto co fin de aplicalas e replicalas a maior escala para lograr un desenvolvemento sostible e incluínte.
    - Prioridades temáticas: 1) desenvolvemento rural, seguridade alimentaria, nutrición e agricultura; 2) medio ambiente e cambio climático; 3) saúde; 4) igualdade de xénero; 5) crecemento económico; 6) educación; 7) gobernanza democrática; 8) dixitalización e desenvolvemento sostible. 
    - A subvención mínima por acción non poderá ser inferior a 400.000 euros, nin superior a 900.000 euros. O importe da subvención concedida no poderá ser superior ao 80% do custo total da proposta, polo que é necesaria a aportación doutros fondos por un mínimo do 20% sobre o importe total.
    - As agrupacións deberán estar integradas polo menos por dúas entidades de tipoloxía distinta: sector privado empresarial; entidades do sector social inscritas no rexistro de ONGs; entidades do ámbito académico e investigación.
    - Prioridades xeográficas. Pódense presentar propostas de accións de innovación para un ou varios dos seguintes países: Centroamérica, México e o Caribe: Haití, Cuba, O Salvador, México, República Dominicana, Costa Rica, Guatemala, Honduras, Nicaragua e Panamá; América do Sur: Ecuador, Colombia, Venezuela, Bolivia, Perú, Arxentina, Brasil, Chile, Uruguai e Paraguai; África Subsahariana: Cabo Verde, Senegal, Níxer, Mali, Etiopía, Guinea Ecuatorial e Mozambique; Mundo Árabe, Asia e Ucraína: Marrocos, Mauritania, poboación saharaui refuxiada, Tunisia, Exipto, Xordania, Palestina, Líbano, Afganistán, Filipinas, Siria e Ucraína.
  2. ACCIÓNS DE COÑECEMENTO, que comprenderán investigacións e estudos aplicados acompañados de formacións e/ou seminarios, referidos aos ámbitos temáticos destas accións incluídas na convocatoria. Estas accións de coñecemento non son intervencións de cooperación ao uso, senón que estarán orientadas a reforzar as capacidades da AECID e/ou dos actores da Cooperación Española. A AECID designará unha unidade responsable da coordinación coa entidade beneficiaria para asegurar a apropiación e difusión do coñecemento xerado a través de cada intervención.
    - Ámbitos temáticos: 1) transversalización do enfoque feminista nos programas da AECID; 2) innovación cultural e participación cidadá na rede de centros culturais; 3) xestión de coñecemento sobre innovación na AECID. Financiarase como máximo unha proposta de cada un destes ámbitos temáticos, seguindo a orde de puntuación obtida e tendo en conta a limitación orzamentaria para este tipo de acción.
    - Prioridades xeográficas: executaranse en España e poderán, no seu caso, contribuír a mellorar o traballo en cooperación no conxunto de países e territorios onde opera a Cooperación Española.
    A subvención mínima para financiar as actividades de coñecemento non poderá ser inferior a 100.000 euros nin superior a 500.000 euros. Financiarase o 100% do custo total da subvención.

O número de propostas que cada entidade pode presentar en total nesta convocatoria, como líder ou como integrante dunha agrupación, non poderá ser superior a 1 para as accións de innovación e 1 para as accións de coñecemento.

Tendo en conta que o prazo de peche de presentación de solicitudes fixado pola AECID é o 22 de maio de 2026 ás 23:59, e para realizar unha selección preliminar na UVigo, o PDI interesado nesta convocatoria deberá manifestar de forma expresa o seu interese en concorrer á mencionada convocatoria antes das 12.00h do día 11 de maio de 2026, enviando ao correo electrónico da Oficina de Proxectos Internacionais-Área de Proxectos Internacionais de Educación: opi.edu1@uvigo.es a seguinte información:

  • Acción pola que opta: 1) acción de inovación ou 2) acción de coñecemento.
  • Nome da persoa que coordinará o proxecto na UVigo e CV abreviado.
  • Título do proxecto e resumo do proxecto empregando o formulario específico da convocatoria.

O proceso de selección será realizado pola Comisión de Investigación da UVigo tendo en conta os criterios de avaliación establecidos na convocatoria na sección VII.2.1 Criterios de valoración. Unha vez seleccionadas a proposta que presentaría a UVigo para as accións de innovación e a proposta para as accións de coñecemento, informaremos aos/ás coordinadores/as dos proxectos seleccionados para que continúen coa elaboración das súas propostas co apoio do persoal da Área de Proxectos Internacionais de Educación da OPI.

As bases, instrucións técnicas, preguntas frecuentes, formularios da convocatoria, manual de usuario de solicitude, así como información específica poden consultarse premendo aquí.

Quedamos a súa disposición para calquera dúbida.

Un saúdo moi cordial,

Eva Garea Oya
Directora de Área de Proxectos Internacionais Educativos
Oficina de Proxectos Internacionais