Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
Xa se pode escoitar o novo episodio de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo:
No derradeiro episodio do ano, saberemos que lle pide ao 2026 a catedrática de Inmunoloxía, África González, distinguida co premio María Josefa Wonenburger 2025 polo seu labor de investigación en inmunoloxía e nanomedicina.
Sen saír do ámbito da investigación, celebraremos o 15 aniversario de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e coñeceremos os detalles do CIMUVigo, a primeira embarcación profesional construída en España con propulsión híbrida enchufable.
Na páxina electoral, escoitaremos a Jacobo Porteiro, o candidato á Reitoría da UVigo por Consenso. Tamén coñeceremos as reivindicacións do alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte do campus de Pontevedra que está a mobilizarse na procura dunha lei estatal de ordenación de profesionais do deporte.
Os vicerreitores dos campus de Pontevedra e de Ourense analizarán as vantaxes e as desvantaxes de ser un campus periférico e descubriremos como será o monopraza UM26 que desde hai 11 anos deseñan e fabrican estudantes da UVigo.
Falaremos da celebración do 25N, do Manifesto da UVigo polo Día Internacional dos Dereitos Humanos 2025, que acaba de ver a luz co lema «O esencial de cada día», e aínda teremos tempo para recomendarvos un libro sobre e-SoundWay, unha ferramenta educativa destinada a mellorar a pronuncia, comprensión auditiva, escritura e transcrición da fonética do inglés.
- viccom@uvigo.gal
- +34 986 130 222