Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Episodio 10 de SONUVigo

Información xeral

25-09-2025 ata: 25-09-2025

Xa se pode escoitar o novo episodio de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo:

No décimo episodio de SONUVigo volvemos ás aulas escoitando o alumnado que elixiu a UVigo como a súa universidade. Coñeceremos o estudo publicado en Nature por Belén Riveiro, xunto a investigadores da Universitat Politècnica de València, no que descobren por que as pontes de celosía de aceiro non se derruban cando se ven afectadas por un evento catastrófico. Falaremos da G-Night con Belén Rubio, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; con David Tizón, o novo director do Servizo de Publicacións; e con María Méndez, unha das autoras do libro Voces de Mujeres. 100 voces, 100 vidas, 100 historias compartidas.

Con Yolanda Rodríguez, a directora da Unidade de Igualdade, achegarémonos ao Mapa de coidados no que están a traballar; e con Rebeca Díaz, a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, coñeceremos o Plan de integración da intelixencia artificial xenerativa (IAX) na docencia dos graos, no que traballan xunto ás escolas de Enxeñaría Industrial e de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

Tras repasar o máis destacado da axenda, remataremos escoitando a Tania Álvarez, a recente campioa do mundo de maratón na proba de K2 sénior de piragüismo e docente da UVigo, recoñecida hai uns meses nos Premios Carreira Dual, que outorga o Consello Superior de Deportes.