Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
Convocatoria AECID_proxectos de 'Memoria, construción de paz e resolución de conflitos'. Programa Democracia 2025
Información ao PDI
08-09-2025 ata: 08-09-2027Prezado PDI:
Informámosvos que acabamos de ter coñecemento na Oficina de Proxectos Internacionais, Área de Educación, da publicación por parte da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) da nova convocatoria de subvencións para financiar accións e proxectos de cooperación para o desenvolvemento en materia de "Memoria, construción de paz e resolución de conflitos". Esta iniciativa, enmarcada no Programa Democracia, ten como obxectivo principal contribuír á consolidación de sociedades pacíficas, xustas e inclusivas, con institucións sólidas e transparentes.
A convocatoria, cun orzamento total de ata 1,5 millóns de euros, financiará propostas que fortalezan a democracia en América Latina e o Caribe. Os proxectos seleccionados, que poderán recibir unha subvención de ata 200.000 euros, executaranse ao longo de 18 meses entre 2025 e 2026.
PRIORIDADES TEMÁTICAS: esta iniciativa financiará propostas aliñadas coas seguintes prioridades temáticas da AECID:
- Procesos de recuperación, reparación e recoñecemento da Memoria.
- Achegas para a convivencia e construción de paz.
- Resolución de conflitos e xustiza restaurativa.
- Educación, sensibilización e formación/capacitación.
Ademais, valorarase positivamente que as iniciativas impulsen o intercambio de boas prácticas entre España e América Latina, e que teñan un enfoque participativo que poida propiciar accións bilaterais e rexionais.
BENEFICIARIOS: esta convocatoria está dirixida a persoas xurídicas sen ánimo de lucro, tanto do sector público como privado, así como a organismos e entidades públicas das administracións españolas. A AECID tamén fomentará a participación de entidades do sector social, sociedade civil, ONGs e o ámbito académico de América Latina e o Caribe para lograr un maior impacto na rexión.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: a presentación de solicitudes realizarase de forma electrónica a través da Sede electrónica da AECID e o prazo será de 20 días hábiles ata o 1 de outubro de 2025.
MOSTRA DE INTERESE UVIGO: dado que a convocatoria permite a presentación de unicamente unha proposta por entidade, e co obxectivo de realizar unha selección preliminar na UVigo, o PDI interesado neste programa deberá manifestar de forma expresa o seu interese en concorrer á mencionada convocatoria antes das 23:59h do día 16 de setembro de 2025, enviando ao correo electrónico da Oficina de Proxectos Internacionais-Área de Proxectos Internacionais de Educación: opi.edu2@uvigo.gal a seguinte información:
- Nome da persoa que coordinará o proxecto na UVigo e CV abreviado.
- Resumo do proxecto empregando o formulario específico da convocatoria (https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatorias/854291)
O proceso de selección interno será realizado pola Comisión de Investigación da UVigo tendo en conta os criterios de avaliación establecidos na convocatoria. Unha vez seleccionada a proposta que presentaría a UVigo, informaremos ao/á coordinador/a do proxecto seleccionado para que continúe coa elaboración da súa proposta co apoio do persoal da Área de Proxectos Internacionais de Educación da OPI.
Na seguinte páxina da AECID está dispoñible a información sobre a noticia da convocatoria: https://www.aecid.es/w/la-aecid-convoca-subvenciones-en-materia-de-memoria-y-construcci%C3%B3n-de-paz-dirigidas-a-am%C3%A9rica-latina-y-el-caribe
O anuncio no BOE pódese atopar na seguinte ligazón: https://www.boe.es/boe/dias/2025/09/03/pdfs/BOE-B-2025-31456.pdf
Quedamos a súa disposición para calquera dúbida en relación con esta convocatoria.
Un saúdo moi cordial,
Eva Garea Oya
Directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación
Oficina de Proxectos Internacionais
Universidade de Vigo
- opi@uvigo.gal
- +34 986 130 287