Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Nova convocatoria europea AMIF

Información ao PDI

16-07-2025 ata: 16-07-2026

Prezado PDI:

A Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) informa da apertura da convocatoria AMIF-2025-TF2-AG-INTE do Fondo de Asilo, Migración e Integración (AMIF) da Comisión Europea, dirixida a financiar proxectos transnacionais sen ánimo de lucro que promovan a integración social, económica, sanitaria, educativa e dixital de persoas inmigrantes nos Estados membros da UE, cun enfoque baseado na igualdade, a non discriminación, a perspectiva de xénero e a atención a colectivos vulnerables (mulleres, menores e persoas con discapacidade, entre outros).

A convocatoria conta cun orzamento total de 34 millóns de euros e está estruturada en cinco liñas temáticas. Cada proxecto debe centrarse exclusivamente nunha delas: 

  1. Integración social e económica de mulleres inmigrantes (AMIF-2025-TF2-AG-INTE-01-WOMEN)
    Obxectivo: promover a integración socioeconómica das mulleres inmigrantes mediante medidas adaptadas ás súas necesidades, facilitando o acceso ao emprego, á participación social e ao empoderamento, especialmente para aquelas en situacións de vulnerabilidade.
  2. Acceso á atención sanitaria, incluíndo saúde mental, sexual e reprodutiva (AMIF-2025-TF2-AG-INTE-02-HEALTH)
    Obxectivo: mellorar o acceso das persoas inmigrantes á información e aos servizos de saúde (incluíndo saúde mental, sexual e reprodutiva), abordando barreiras informativas, culturais e legais para favorecer unha integración efectiva nos sistemas sanitarios nacionais.
  3. Mellora de competencias dixitais en persoas inmigrantes (AMIF-2025-TF2-AG-INTE-03-DIGITAL)
    Obxectivo:reforzar as capacidades dixitais das persoas inmigrantes, especialmente mulleres, maiores, persoas con discapacidade ou sen alfabetización dixital, facilitando ou seu acceso a servizos en liña, formación, educación e oportunidades laborais.
  4. Vías educativas como mecanismos de integración(AMIF-2025-TF2-AG-INTE-04-PATHWAYS)
    Obxectivo: fomentar vías complementarias de entrada legal para persoas refuxiadas a través da educación, ampliando o número de prazas dispoñibles, mellorando a calidade dos programas e reforzando a súa sustentabilidade a longo prazo.
  5. Protección de menores en situación de inmigración (AMIF-2025-TF2-AG-INTE-05-CHILDREN)
    Obxectivo: apoiar aos Estados Membros na mellora dos procesos de avaliación da idade de menores inmigrantes, promovendo enfoques multidisciplinares, baseados en dereitos e máis harmonizados a nivel da UE.

 Comisión Europea valorará especialmente:

  • Propostas con ampla cobertura territorial e socios de distintas rexións da UE.
  • Parcerías entre entidades con distintos niveis de experiencia en integración migratoria.
  • Iniciativas que superen o mínimo de Estados membros participantes (cando sexa pertinente).
  • A implicación de actores locais, rexionais e organizacións da sociedade civil.

Data límite de presentación: 16 de setembro de 2025, ás 17:00 CET
Duración máxima dos proxectos: 36 meses (24 no caso da temática 5)

Financiamento por proxecto:

  • Entre 1,5 e 3 millóns € (temáticas 1 e 2)
  • Entre 1 e 2 millóns € (temáticas 3 e 4)
  • Entre 400.000 e 3 millóns € (temática 5)

As propostas deberán incluír unha estratexia clara de seguimento e avaliación con indicadores (KPIs), así como medidas de difusión, sustentabilidade e transferencia de resultados.

Documentación oficial da convocatoriaCall fiche AMIF-2025-TF2-AG-INTE (PDF)

Gravación da sesión informativa da Comisión Europea: Accede ao video

O PDI interesado en presentar unha proposta no marco desta convocatoria do programa AMIF pode contactar coa OPI-área educativa a través do correo electrónico: dir.edu.opi@uvigo.gal.

Para máis información sobre outras convocatorias, eventos e oportunidades, pódese visitar a páxina web da OPI-área educativa: www.opi.uvigo.gal

Desde a OPI animámosvos a explorar esta oportunidade e quedamos á vosa disposición para ofrecer apoio ao longo de todo o proceso de preparación da proposta.

Un saúdo moi cordial,

Eva Garea Oya
Directora de Área de Proxectos Internacionais Educativos

Oficina de Proxectos Internacionais