Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

OPI_Nova convocatoria Xunta de Galicia proxectos investigación e creación de grupos de investigación de cooperación para o desenvolvemento 2025

Información ao PDI

29-05-2025 ata: 29-05-2027

Prezado PDI:

Informámosvos de que acabamos de ter coñecemento na Oficina de Proxectos Internacionais da convocatoria da Xunta de Galicia para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas (código de procedemento PR815A). As bases da convocatoria están publicadas no DOG do mércores, 28 de maio de 2025 e os formularios necesarios, así como a información complementaria, poden consultarse na web de Cooperación Galega: Investigación para o Desenvolvemento 2025.

Obxecto da convocatoria:

- a realización de proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sostible, consonte a axenda nacional e internacional de desenvolvemento e en particular aliñados cos ODS da Axenda 2030 de Nacións Unidas. Os proxectos deberán ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e o seu contido estar claramente relacionado con esta área, non sendo financiables as colaboracións científicas sen esta dimensión.
- A creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

Ningún/ningunha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto, aínda que si poderá estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.

Condicións de financiamento:
A convocatoria poderá financiar ata o 95 % do orzamento total do proxecto. A contía máxima da subvención variará segundo a tipoloxía da proposta:

  • Ata 15.000 € no caso de proxectos presentados por un/unha investigador/a individual.
  • Ata 30.000 € para proxectos presentados por un equipo ou grupo de investigación.
  • Ata 35.000 € no caso de propostas para a creación de novos grupos de investigación.

Nos proxectos plurianuais, a subvención concedida repartirase ao 50 % en 2025 e 50 % en 2026. En canto aos custes indirectos, non poderán superar o 10 % da subvención solicitada.

O persoal docente e investigador da Universidade de Vigo interesado en presentar unha solicitude deberá comunicar o antes posible o seu interese contactando coa Oficina de Proxectos Internacionais-Área de educación a través do correo electrónico: opi.edu1@uvigo.gal.

A OPI-Área de educación proporcionará a información institucional que se precisa para o cartafol 1 “información relativa á entidade solicitante” UVigo, apartado a) das bases da convocatoria.

O prazo para remitir o dossier completo de solicitude á OPI ao enderezo: opi.edu1@uvigo.gal remata o día 20 de xuño de 2025 as 14.00 horas.

Agardamos que esta convocatoria sexa do seu interese.

Un saúdo moi cordial,
Eva Garea Oya
Directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación
Oficina de Proxectos Internacionais
Universidade de Vigo