Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
OPI_Nova convocatoria AECID accións de cooperación no ámbito da innovación 2025
Información ao PDI
28-05-2025 ata: 30-06-2027Prezado PDI:
Informámosvos que acabamos de ter coñecemento na Oficina de Proxectos Internacionais, Área de Educación, da nova publicación por parte da AECID da Resolución da Convocatoria anual de subvencións para a realización de accións de cooperación ao desenvolvemento no ámbito da innovación 2025. O extracto foi publicado no BOE do 27 de maio de 2025.
Mais información en: https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatorias/834642 e na páxina específica da AECID.
A presente convocatoria que conta cun orzamento total de 1M, ampliable a un máximo de 10 M, ten como obxecto o financiamento de:
1. Accións de cooperación ao desenvolvemento no eido da innovación que aborden desafíos sociais, económicos, medioambientais e de desenvolvemento da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible. Estas accións deberán impulsar solucións innovadoras, xa desenvolvidas e testadas exitosamente a nivel piloto co fin de aplicalas e replicalas a maior escala para lograr un desenvolvemento sostible e incluínte.
- Prioridades temáticas e liñas de acción: 1) desenvolvemento rural, seguridade alimentaria, nutrición e agricultura; 2) medioambiente e cambio climático; 3) saúde; 4) igualdade de xénero; 5) crecemento económico; 6) educación; 7) gobernanza democrática; 8) dixitalización e desenvolvemento sostible.
- A subvención mínima por acción non poderá ser inferior a 400.000 euros, nin superior a 900.000 euros. O importe da subvención concedida no poderá ser superior ao 80% do custo total da proposta (é necesaria a aportación doutros fondos por un mínimo do 20% sobre o importe total).
- As agrupacións deberán estar integradas polo menos por dúas entidades de tipoloxía distinta: sector privado empresarial; entidades do sector social inscritas no rexistro de ONGs; entidades do ámbito académico e investigación. Como novidade reservarase polo menos un 30% para financiar accións en África Subsahariana e Norte de África.
- Pódense presentar propostas de accións de innovación para un ou varios dos seguintes países: América Latina e o Caribe: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Haití, Honduras, México, Nicaragua, República Dominicana, Panamá, Paraguai, Perú, Uruguai e Venezuela. Norte de África e Oriente Próximo: Marrocos, Mauritania, poboación saharaui refuxiada, Tunisia, Exipto, Xordania, Palestina, Líbano. África Subsahariana: Cabo Verde, Senegal, Níxer, Mali, Etiopía, Guinea Ecuatorial e Mozambique. Asia: Afganistán, Filipinas, Siria. Europa: Ucraína.
2. Accións de coñecemento no ámbito da innovación, que comprenderán investigacións e estudios aplicados acompañados de formacións e/ou seminarios, cun compoñente innovador, e referidos ás áreas temáticas incluídas na convocatoria. Valorarase a natureza innovadora de cada proposta e a súa aplicabilidade, cofinanciándose tamén a fase piloto ou experimental.
- Financiarase como máximo unha proposta de cada un dos seguintes ámbitos temáticos: 1) transición ecolóxica, medio ambiente e auga do Programa Masar Al'an da AECID; 2) do Medialab ao Colaboratorio, experiencias e propostas para a participación cidadá na Rede de Centros Culturais; 3) estratexia de cultura e desenvolvemento; 4) intelixencia artificial para o desenvolvemento; 5) enfoque de desigualdades; 6) alianzas co sector privado e público-privadas para o desenvolvemento; 7) transversalización do enfoque feminista nos programas da AECID.
As accións de coñecemento executaranse en España e contribuirán a mellorar o traballo cooperativo no conxunto de países e territorios onde opera a Cooperación Española.
- A subvención mínima para financiar as actividades de coñecemento non poderá ser inferior a 100.000 euros nin superior a 500.000 euros. Financiarase o 100% do coste total da subvención.
O número de propostas que cada entidade pode presentar en total a esta convocatoria, como líder ou como integrante dunha agrupación, baixo as fórmulas de agrupación, contratación ou subcontratación, non poderá ser superior a 2 para as accións de innovación e 1 para as accións de coñecemento.
Tendo en conta que o prazo de peche de presentación de solicitudes fixado pola AECID é o 24 de xuño de 2025 ás 23:59, e para realizar unha selección preliminar na UVigo, o PDI interesado nesta convocatoria deberá manifestar de forma expresa o seu interese en concorrer á mencionada convocatoria antes das 14.00h do día 6 de xuño de 2025, enviando ao correo electrónico da Oficina de Proxectos Internacionais-Área de Proxectos Internacionais de Educación: opi.edu1@uvigo.es a seguinte información:
- Acción pola que opta: 1) acción de innovación ou 2) acción de coñecemento no ámbito da innovación.
- Nome da persoa que coordinará o proxecto na UVigo e CV abreviado.
- Título do proxecto e resumo do proxecto empregando o formulario específico da convocatoria.
O proceso de selección será realizado pola Comisión de Investigación da UVigo tendo en conta os criterios de avaliación establecidos na convocatoria na sección 2.1 Criterios de valoración. Unha vez seleccionadas as dúas propostas que presentaría a UVigo para as accións de innovación e a proposta para as accións de coñecemento, informaremos aos/ás coordinadores/as dos proxectos seleccionados para que continúen coa elaboración das súas propostas co apoio do persoal da Área de Proxectos Internacionais de Educación da OPI.
As bases, instrucións técnicas, preguntas frecuentes, formularios da convocatoria, manual de usuario de solicitude, así como información específica poden consultarse premendo aquí
Quedamos a súa disposición para calquera dúbida.
Un saúdo moi cordial,
Eva Garea Oya
Directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación
Oficina de Proxectos Internacionais
Universidade de Vigo
- opi@uvigo.gal
- +34 986 130 287