Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Episodio 7 de SONUVigo

Información xeral

22-05-2025 ata: 22-05-2027

Xa se pode escoitar o sétimo episodio de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo.

Neste episodio convidámosvos a coñecer a historia de Hassan, dos Emiratos Árabes Unidos, e de Mustafa, de Iraq, dous mozos que foron grandes amigos na súa infancia e que volveron atoparse hai uns meses no Centro de Linguas, logo de estar separados durante sete anos nos que nada souberon un do outro.

Neste episodio, Yolanda Rodríguez, a directora da Unidade de Igualdade, falaranos dos seus plans á fronte desta área e dos problemas que afectan o feminismo na actualidade.

Con Daniel Rey, o director do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), coñeceremos os detalles do proxecto de ciencia cidadá Iberarenum, para crear un banco con mostras de area das praias da Península Ibérica, co obxectivo de comprender mellor os procesos costeiros e os efectos do cambio climático.

Falaremos das actividades deportivas que todos e todas podemos practicar en calquera dos nosos campus e tamén dos últimos éxitos dos equipos da UVigo nos Campionatos de España Universitarios.

Remataremos achegándonos a dous grandes exemplos de solidariedade e de dignidade que recentemente recibían os Premios Consello Social UVigo_Humana 2024: a Axencia das Nacións Unidas para a Poboación Refuxiada de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA España), e a delegación galega de Emaús Fundación Social.