Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Atopa os tesouros do Campus de Vigo

Deporte e benestar

10-09-2015 ata: 11-09-2015

 

Dentro da 1ª Semana Europea do Deporte o Servizo de Deportes pon en marcha Atopa os tesouros ocultos do Campus de Vigo, unha iniciativa na que pretenden que se dean cita estudantes propios e de intercambio na procura, non só dos tesouros, senón do coñecemento mutuo e a integración. 

Esta iniciativa ten vocación de converterse nunha referencia temporal cada ano durante a segunda semana de setembro e está aberta a todos os cidadáns co obxectivo de mellorar os niveis de práctica deportiva. Neste primeiro ano de celebración, a actividade enmárcase dentro do programa Erasmus+. Atopa os Tesouros Ocultos no Campus de Vigo celebrarase o vindeiro 10 de setembro no campus vigués combinando deporte, diversión, natureza e multiculturalidade. Os participantes deberán atopar cinco tesouros agochados nos lugares menos coñecidos e máis sorprendentes do campus empregando unicamente o seu teléfono móbil e a Google Maps.

Para asegurar a intercambio de experiencias entre estudantes locais e internacionais, será o Servizo de Deportes o que creará os equipos, formados por dúas ou tres persoas de distintas nacionalidades que levarán a bandeira do seu país de orixe pintada na cara. Deste xeito, o evento converterase tamén un acto de benvida a todos aqueles alumnos e alumnas doutros países que cursarán os seus estudos na Universidade de Vigo durante este ano académico. De feito, dende a organización agardan que este evento se repita anualmente e se expanda tamén aos campus de Pontevedra e Ourense.

Con este tipo de actividades, que mesturan a actividade física e a natureza, o Servizo de Deportes pretende tamén conectar persoas de diferentes orixes e culturas. Agárdase a participación de arredor de 200 estudantes procedentes de máis de 20 países. O evento terá tamén unha compoñente de xénero e en todos os equipo deberá haber polo menos unha muller. Paralelamente desenvolverase unha exposición de tarxetas postais deseñadas por estudantes da Facultade de Belas Artes. Finalmente, dende a organización destacan tamén que este tipo de actividades deportivas xeran interese e respecto polo medio ambiente e a súa conservación, ao tempo que se fomentan hábito de vida saudables a través do deporte.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 9 de setembro.

Máis info en https://deporxest.uvigo.es/WebDeportesUVigo/actividades/datos.jsp?idActividad=640