Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Episodio 6 de SONUVigo

Información xeral

23-04-2025 ata: 23-04-2025

Xa se pode escoitar o sexto episodio de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo.

Neste episodio afondaremos nas titulacións que a UVigo lle oferta ao alumnado. Por que se ofrecen uns graos e non outros? Como se pode modificar a oferta académica? Por que hai titulacións que atraen, curso tras curso, centos de estudantes, mentres outras non acadan as cifras de ocupación agardadas? Son preguntas as que intentaremos responder co vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago; co secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; e coas persoas responsables de centros nos que se imparten as titulacións que máis e menos estudantes atraen.

Tamén falaremos con Raquel Nieto, investigadora do grupo EPhysLab do campus de Ourense, sobre a súa participación en dúas destacadas publicacións científicas. Aproveitaremos para reiterar os riscos que ocasiona o cambio climático, un problema que enfronta a sociedade actual, que tamén sofre os efectos das fake news ou loiadas. Precisamente formar o alumnado contra a desinformación é a finalidade de DIXITAIS, o laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática que no ano 2019 puxo en marcha Alberto Dafonte, docente e investigador da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra. Con el e cos traballos do seu alumnado aprenderemos a detectar e a combater este problema.

Dedicaremos un tempo a falar de emprendemento co gallo da entrega dos Premios Incuvi, cos que a UVigo recoñece as iniciativas empresariais do seu alumnado. Unha vez que abandona a institución, como é posible saber a súa situación de empregabilidade? A resposta é a través dunha macroenquisa do Observatorio das Persoas Tituladas na que vos convidamos a participar se estudastes na UVigo entre os anos 1990 e 2024.

E aínda teremos tempo de repasar o máis destacado da axenda destas próximas semanas para rematar falando de dúas actividades que teñen a tecnoloxía como punto en común. Dunha banda, a Competición de Robots, que acolle a Escola de Enxeñaría Industrial e que este ano acada o seu décimo aniversario; e doutra, UVigo SpaceLab, unha iniciativa do alumnado de diferentes titulacións dos tres campus que desde hai anos é quen de situar a Universidade de Vigo no espazo.