Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Episodio 4 de SONUVigo

Información xeral

20-02-2025 ata: 20-02-2026

Xa se pode escoitar o cuarto episodio de SONUVigo, o podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo.

Neste episodio afondamos nas orixes do campus de Ourense que, superado o medio século de vida, enfronta o futuro convertido en referente nacional e internacional nalgunhas áreas de investigación, cun alumnado en crecemento e avanzando na súa especialización como Campus Auga. Co gallo da presentación do libro 50 anos de estudos universitarios en Ourense, rememoramos coas persoas protagonistas como foi ese curso 1973/1974 no Colexio Universitario, con pouco máis de 200 estudantes, 11 docentes e tres administrativos; e como, a partir de aí, o campus evolucionou ata se converter no que hoxe coñecemos.

Escoitaremos o alumnado procedente da Illa da Reunión, Corea do Sur, Portugal ou México que estudará este cuadrimestre na UVigo. Conversaremos con Raquel Rey, a directora da Área de Diversidade, para coñecer as súas competencias e liñas de traballo. Achegarémonos tamén a dous centros de investigación, CINBIO e Ecobas, nos que desenvolve a súa actividade o persoal investigador da Universidade de Vigo.

Falaremos das eleccións á Xunta de PTXAS Funcionario do vindeiro mes de marzo e conversaremos co alumnado das escolas de enxeñaría do campus de Vigo sobre o 25 aniversario do Foro Tecnolóxico que, nunhas semanas, volverá ser o punto de encontro entre as empresas e o estudantado.