Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
Bo día,
A Universidade de Vigo vai implementar un novo procedemento para a tramitación da avaliación docente (quinquenios) dirixido ao persoal docente e investigador, co obxectivo de axilizar o proceso, reducir a burocracia e fomentar unha administración máis eficiente. O proceso será diferente segundo se trate da solicitude do primeiro quinquenio ou do segundo e sucesivos quinquenios.
¿Que teño que facer para solicitar o segundo quinquenio ou sucesivos?
O PDI nesta situación recibirá un aviso vía e-mail informándolle de que ten unha comunicación dispoñible na sede electrónica da Universidade de Vigo. Alí terá a súa disposición unha proposta de resolución conforme aos datos do seu expediente. Se está de acordo con ela só terá que premer a opción de aceptar, e non terá que facer nada máis. A partir de aí será a Área de Calidade quen solicitará os informes de departamentos e centros, de ser necesarios, e o Servizo de PDI quen posteriormente emitirá as resolucións. Se non está dacordo coa proposta, ten que rexeitala e argumentar as razóns pola que non está conforme. Nese caso, poderá subir os documentos que considere necesarios no apartado correspondente. Revisadas as alegacións remitirase a resolución que proceda.
¿Que teño que facer para solicitar o primeiro quinquenio?
O PDI nesta situación terá a súa disposición na sede electrónica, no catálogo de procedementos, un procedemento específico de solicitude “SPDI - Convocatoria de quinquenios 2024 (Avaliación da actividade docente)”. Con esta poderá achegar os documentos que considere oportunos, agás os informes de departamentos/centros da UVigo que serán solicitados de oficio pola Área de Calidade. Posteriormente remitirase a resolución que proceda.
¿Que non teño que facer en ningún dos casos?
O PDI que se atope en calquera das situacións anteriores NON ten que solicitar, en ningún caso, os informes de valoración do departamento e/ou do centro/facultade/escola universitaria que correspondan a períodos de docencia na UVigo. Estes informes serán solicitados directamente pola Área de Calidade a través das Áreas de Apoio a Centros e Departamentos unha vez revisada toda a documentación. A solicitude de informes se producirá previsiblemente durante o mes de febreiro de 2025.
Agardamos que, grazas ao esforzo dos servizos implicados, este novo procedemento sexa un paso máis cara a unha universidade máis áxil e menos burocrática.
Un cordial saúdo
Adela M. Sánchez-Moreiras
Universidade de Vigo
- vicprof@uvigo.gal
- +34 986 813 595