Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Nova edición do Tándem Lingüístico

Internacionalización

19-11-2024 ata: 31-12-2024

Prezada comunidade universitaria:

A Vicerreitoría de Internacionalización, en colaboración co Centro de Linguas, ten o pracer de anunciar o lanzamento dunha nova edición do Tándem Lingüístico! Toda a comunidade universitaria está convidada a participar nesta iniciativa que busca fomentar o intercambio cultural e a aprendizaxe de linguas dentro do noso eido académico.

O Tándem Lingüístico ofrece unha oportunidade única para conectar con falantes de múltiples idiomas procedentes dos programas de mobilidade internacional. Poderás practicar inglés, portugués, árabe, polaco, turco, entre moitos outros, ao tempo que compartes o teu idioma e a túa cultura nun espazo de enriquecemento mutuo.

Este programa está aberto a toda a comunidade universitaria: PDI, PTXAS e estudantado. O seu principal obxectivo é ofrecer un espazo dinámico onde as persoas participantes poidan mellorar as súas habilidades lingüísticas mediante conversacións informais, contribuíndo tamén á promoción da diversidade e ao fortalecemento das competencias interculturais.

As persoas interesadas poden rexistrarse na nosa plataforma en liña [ https://forms.office.com/e/WHs0cEKCC6 ]. Unha vez inscritas, poderán indicar os idiomas que queren practicar e ofrecer, facilitando así a creación de tándems lingüísticos axeitados ás súas preferencias e intereses.

Se precisades máis información ou tedes algunha dúbida, escribídenos ao correo internacional@uvigo.gal

Animámosvos a participar e formar parte desta enriquecedora experiencia!

Recibide un cordial saúdo,


O equipo de Internacionalización da UVigo