Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Convocatoria Programa Europa Dixital: proxectos de Competencias Dixitais Avanzadas

Información ao PDI

12-07-2024 ata: 29-11-2025

Estimado PDI:
Informámosvos de que se lanzou unha nova serie de convocatorias de oportunidades de financiamento no marco do Programa Europa Dixital (DIXITAL). Este programa conta con máis de 108 millóns de euros para reforzar as capacidades dixitais e tecnolóxicas da Unión Europea, impulsando a Europa cara a unha posición de liderado en intelixencia artificial (IA), programas de educación especializada, apoio a proxectos multinacionais e loita contra a desinformación.

Prazo das convocatorias: 
21 de novembro de 2024 ás 17.00 h.

Entre os distintos temas incluídos no programa, destacamos a convocatoria de propostas Competencias dixitais avanzadas(DIGITAL-2024-ADVANCED-DIGITAL-07-KEY CAPACITY) dotada con 55 millóns de euros.

O Programa Europa Dixital está a avanzar nas habilidades dixitais a través de programas formativos e módulos autónomos centrados en áreas dixitais clave. Esta nova convocatoria permite desenvolver habilidades dixitais avanzadas a través de programas de licenciatura, mestrado e doutoramento e módulos autónomos centrados en áreas dixitais. A convocatoria 2024 apoia en concreto o desenvolvemento e implantación de competencias dixitais clave en ámbitos como os mundos virtuais, a computación cuántica, a fotónica e a robótica e a automatización. Ademais promove programas interdisciplinares dirixidos á adquisición de competencias dixitais ecolóxicas avanzadas, por exemplo, no ámbito da IA, a análise de datos, a realidade virtual/aumentada, a robótica, a computación en nube, a Internet dos obxectos, a aprendizaxe automática, etc., en sectores estratéxicos como a agricultura, o transporte, as enerxías renovables, a xestión de residuos e para a adquisición de competencias dixitais avanzadas para a administración e o sector público.

As propostas deben identificar claramente unha área dixital ou un sector estratéxico como o foco principal do seu traballo e os retos abordados. O obxectivo da convocatoria desta temática é apoiar a excelencia nas institucións de educación superior, converténdoas en líderes mundiais na formación dos especialistas dixitais do futuro e incrementar a capacidade da oferta educativa no ámbito das competencias dixitais avanzadas.

Obxectivo principal: apoiar o deseño e impartición de programas de educación superior (niveis ISCED 6, 7 ou equivalente en 2023 e nos niveis ISCED 6, 7, 8 en 2024) e desenvolver módulos autónomos relacionados cos devanditos programas educativos en áreas dixitais clave para a adquisición de competencias dixitais avanzadas en sectores estratéxicos específicos. Ademais do deseño e entrega de novos programas educativos e módulos autónomos, os proxectos seleccionados poden abarcar actividades de captación de profesorado cualificado, bolsas para estudantes, gastos de compra ou arrendamento de equipamentos, e diferentes actividades para establecer colaboracións entre academia, industria e centros de investigación. Os proxectos seleccionados tamén aportarán un claro valor engadido da UE ás actividades educativas propostas, como colaboracións transfronteirizas, redes e intercambio de ideas. Tamén será positivo crear sinerxías e complementariedades con programas e iniciativas como Erasmus+, Alianzas de Universidades Europeas e Alianzas Erasmus+ para a Innovación.

Bases da convocatoria:
https://ec.europa.eu/info/funding-tenders/opportunities/docs/2021-2027/digital/wp-call/2024/call-fiche_digital-2024-advanced-digital-07-keycapacity_en.pdf

Composición do consorcio: mínimo 6 entidades de 4 países elixibles distintos.
Duración dos proxectos: 48 meses.
Financiamento: ata un máximo de 10 millóns de euros por proxecto.
Ligazón á sesión informativa: poden acceder ao vídeo e a presentación da sesión informativa "Call for Specialised Education Programmes in Key Capacity Areas" celebrada o 5 de xullo a través da seguinte ligazón.
Contacto para máis información sobre esta convocatoria: Eva Garea - dir.edu.opi@uvigo.gal

Dende a Área de Educación da OPI, estamos á súa disposición para calquera consulta ou asesoramento sobre a elaboración de propostas de educación internacional educativas ou información sobre as novidades neste ámbito. Lembren que tamén na nosa web, no apartado "Taboleiro", poden atopar información actualizada sobre convocatorias abertas, próximas aperturas, eventos, infodays e outras novidades de interese.

Un saúdo moi cordial,
Eva Garea Oya
Directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación
Oficina de Proxectos Internacionais