Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Convocatoria AECID 2023 Accións de Cooperación no ámbito da Innovación

Información ao PDI

05-06-2023 ata: 30-12-2023

Prezado PDI:

Informámosvos que acabamos de ter coñecemento na Oficina de Proxectos Internacionais da nova publicación por parte da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) da Resolución de la convocatoria anual de subvenciones de Acciones de Cooperación para el Desarrollo en el ámbito de la innovación 2023.
(BOE 31 de maio de 2023: https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-B-2023-16316).

A presente convocatoria que conta cun orzamento total de 8M€  ten como obxecto a co-financiación de iniciativas presentadas por alianzas entre actores do sector privado empresarial, entidades do ámbito académico e da investigación, e ONGDs para realizar:

- Accións de cooperación ao desenvolvemento no ámbito da innovación, que aborden desafíos sociais, económicos, medioambientais e de desenvolvemento da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. As accións dun máximo de 24 meses de duración deberán impulsar solucións innovadoras, xa desenvolvidas e testadas exitosamente a nivel piloto, co fin de aplicalas e demostrar a posibilidade de replicalas a maior escala para lograr un desenvolvemento sostible e inclusivo. A subvención mínima por acción non poderá ser inferior a 400.000 euros, nin superior a 800.000 euros.  As agrupacións deberán estar integradas por dous entidades de tipoloxía distinta.

- Actividades de coñecemento no ámbito da innovación, dun máximo de 18 meses de duración, que comprenderán investigacións e estudios aplicados acompañados de formacións e/ou seminarios, que conten cun compoñente innovador, e referidos ás áreas temáticas incluídas na convocatoria. A subvención mínima para financiar as actividades de coñecemento non poderá ser inferior a 100.000 euros nin superior a 500.000 euros.

As prioridades temáticas desta convocatoria son: desenvolvemento rural, seguridade alimentaria, nutrición e agricultura; medio ambiente e cambio climático; saúde; igualdade de xénero; crecemento económico; educación dixital en comunidades vulnerables; gobernanza; eficacia da axuda e avaliación da acción da cooperación española; xestión sostible, uso do big data e sistemas de información xeográfica e tecnoloxías da información na acción humanitaria.

Pódense presentar propostas de accións de cooperación para un ou varios dos seguintes países: Etiopía, Mauritania, Mozambique, Níxer pero limitado a Niamey, Senegal, Haití, Bolivia, Colombia, Cuba, Ecuador, O Salvador, Filipinas, Guatemala, Honduras, Marrocos, Nicaragua, Palestina, Paraguai, Perú, República Dominicana, Arxentina, Brasil, Chile, Costa Rica, México, Panamá, Uruguai, Cabo Verde, Exipto, Guinea Ecuatorial, Tunisia, Xordania), Líbano, campamentos para a poboación refuxiada saharauí en Tinduf (Alxeria), Siria, Afganistán e Ucraína.

As actividades de coñecemento realizaranse en España e contribuirán a mellorar o traballo cooperativo nun, varios ou no conxunto de países e territorios antes mencionados.

Nesta convocatoria, pódense presentar para as accións de cooperación un máximo de 2 proxectos por entidade, como líder ou integrante dunha agrupación, e un proxecto no caso das actividades de coñecemento.

Tendo en conta que o prazo de peche de presentación de solicitudes fixado pola AECID é o 28 de xuño de 2023 as 23:55h e de cara a realizar unha selección preliminar na UVigo, o PDI interesado nesta convocatoria deberá manifestar de forma expresa o seu interese en concorrer a mencionada convocatoria antes do día 12 de xuño de 2023, enviando ao correo electrónico da Oficina de Proxectos Internacionais-Área de Proxectos Internacionais de Educación: opi.edu1@uvigo.es a seguinte información:

  • Acción pola que opta: 1) accións de cooperación no ámbito da innovación ou 2) actividades de coñecemento.
  • Nome da persoa que coordinará o proxecto na UVigo, CV abreviado, título do proxecto e resumo do proxecto empregando o formulario específico da convocatoria (Formulario solicitud acciones innovación ou Formulario solicitud actividades de conocimiento).

Unha vez seleccionadas as dúas propostas que presentaría a UVigo para as accións de cooperación e o proxecto para as actividades de coñecemento procederase a informar aos/ás coordinadores/as dos proxectos seleccionados para que continúen coa elaboración das súas propostas co apoio do persoal da Área de Proxectos Internacionais de Educación da OPI, así como o prazo que terán para presentar á solicitude completa á OPI.

As bases, instrucións técnicas, preguntas frecuentes, formularios da convocatoria, manual de usuario de solicitude , así como información específica poden consultarse no seguinte enlace da AECID: https://www.aecid.gob.es/es/Paginas/DetalleProcedimiento.aspx?idp=495

Un saúdo moi cordial,

Eva Garea Oya.

Directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación.
Oficina de Proxectos Internacionais.
Universidade de Vigo.
dir.edu.opi@uvigo.gal