Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Augaventura Primavera 2023

Deporte e benestar

14-04-2023 ata: 07-05-2023

Coa chegada da primavera regresa tamén unha nova edición do programa de actividades no medio acuático, Augaventura. Esta proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte está aberta tanto á comunidade universitaria como persoas vinculas á institución con prezos que varían segundo o colectivo. As modalidades deportivas que se ofrecen non sofren cambios respecto de edicións anteriores e comprenden sete modalidades: flyboard; descenso de rápidos; unha ruta á illa de San Simón que combina caiac, andaina e snorkel; surf; wakeboard; windsurf e mergullo. As sesións desenvolveranse en diferentes puntos da xeografía da provincia de Pontevedra entre os meses de abril e comezos de maio.

Descenso de rápidos

A primeira das citas de Augaventura primavera será o 14 de abril co descenso de rápidos, unha actividade que se desenvolverá no río Miño ao seu paso por Arbo. O prazo de inscrición está aberto ata o 9 abril . Os prezos da inscrición varían segundo os colectivos: 15€ para membros da comunidade universitaria, familiares, egresados ou persoas xubiladas; 22,5€ para outras persoas vencelladas á UVigo e 30€ para persoas alleas que acompañen a un membro da comunidade.

Flyboard

Ao día seguinte, 15 de abril, a cita será co flyboard, unha modalidade na que se emprega unha táboa suxeita aos pés cunhas botas que propulsan un chorro de auga controlado que permite elevarse sobre o mar. A actividade desenvolverase no peirao de Bouzas en colaboración coa empresa Tierra y Mar e o prezo varía entre os 20€ para membros da comunidade universitaria, familiares, egresados ou persoas xubiladas; os 30 euros para outras persoas vencelladas e 40 euros para as persoas alleas á institución que participen como acompañantes. 

Bautismo de surf

Organízase en colaboración con Prado Surf Escola na praia de Patos. Neste caso ofrécense tres datas diferentes: 16, 23 e 30 de abril. Os prezos varían entre os 6€, os 9€ e os 12€ segundo o colectivo.

Windsurf

Para as persoas que prefiran unha táboa con vea, o 18 de abril terá lugar unha sesión de iniciación ao windsurf en Bouzas e en colaboración con Tierra y Mar. Os prazos da matrícula van entre os 10€, os 15€ e os 20€ e a data límite de inscrición será o 9 de abril. O único requiso é saber nadar.

Ruta pola illa de San Simón

Que combina diferentes modalidades deportivas como caiac, andaina e snorkel. A actividade, que ser realizará o 22 de abril, consiste nunha travesía en caiac pola enseada de San Simón, na que se realizarán diferentes paradas de interese como a estatua de Xulio Verne. Unha vez na illa visitaranse as dependencias nun percorrido guiado por este ben de interese cultural para, finalmente, volver ao mar e realizar unha pequena parada nos illotes de San Bartolomé e San Norberto para coñecer a lenda dos naufraxios de Rande. Se as condicións o permiten, neste punto poderase practicar snorkel. O prazo de matrícula estará aberto ata o 16 de abril e os prezos varían entre 20€, 30€ e 40€.

Mergullo

Para as persoas que elixan a práctica do mergullo, Augaventura ofrece dúas datas alternativas: 29 de abril e 6 de maio.  A actividade será nas illas Cíes, con saída dende o peirao de Bouzas en colaboración coa empresa Buceo Islas Cíes. Os prezos van dos 45 euros para comunidade univesitaria, familiares e persoas egresadas, ata 67,5 euros para outros colectivos vinculados e 90 euros para as e os acompañantes.

Wakeboard

Xa para pechar a programación de Augaventura, o 7 de maio terá lugar unha sesión de wakeboard ou esquí acuático, en colaboración con Tierra y Mar no peirao de Bouzas. Os prezos son de 10 euros para a comunidade universitaria, familiares e alumni; 15 euros para outros colectivos vencellados á UVigo e 20 para o resto da cidadanía que participe como acompañante. 

Toda a información en: https://acortar.link/G55rUw