Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
Plan Corresponsables 2ª quenda - Actividades deportivas
Deporte e benestar
18-02-2023 ata: 19-03-2023Entre os meses de febreiro e marzo desenvolverase a segunda quenda do Plan Corresponsables, destinado a nenas e nenos de entre 6 de 16 anos, priorizando as fillas e fillos pertencentes a familias monomarentais, monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados; así como fillas e fillos de persoas da comunidade universitaria. A UVigo participa nesta segunda quenda do programa, froito da colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta e as tres universidades galegas, cunha ducia de actividades, a desenvolver nos campus e noutras localizacións das provincias de Pontevedra e Ourense.
Atletismo; rugby e pádel, son as actividades de iniciación deportiva para mozos e mozas de 6 a 16 anos que se desenvolverán en Ourense; mentres que a escalada e o balonmán, serán os protagonistas en Pontevedra. Pola súa banda, a iniciación ao surf, rafting, pool cross e pool games, ademais de circuítos de aventura, son as actividades en familia con nenas e nenos ata 16 anos, que se desenvolverán na praia de Patos (Nigrán), no río Miño (Arbo), na piscina de Campolongo (Pontevedra) e en Marikina Park (Vigo), respectivamente. As persoas interesadas en participar no plan poden inscribirse a través do Campus Activo da UVigo.
Así mesmo, nesta segunda quenda do Plan Corresponsables desenvolveranse dúas actividades promovidas pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. Trátase do programa de prevención do afogamento para familias Desafógate, destinado a ANPAS de colexios e institutos de Pontevedra e Ourense co obxectivo de previr os incidentes acuáticos, no primeiro caso; e o proxecto Cos_Avós, un programa de exercicio físico e saúde interxeneracional enfocado a nenos, mozos e adultos maiores das cidades de Vigo, Pontevedra e Sanxenxo.
Co obxectivo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación das familias con infantes e xuventude menores de 16 anos, a Xunta e as universidades asinaron un convenio que ten como finalidade habilitar coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións.
- extension@uvigo.gal
- 986 812 182