Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Concurso "Youtubers científicos"

Concursos e Premios

17-01-2022 ata: 17-02-2022

No marco do Plan anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo «Ciencia de Ida e Volta», que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación, convócase a primeira edición do concurso de vídeos Youtubers científicos. As persoas participantes deberán difundir o seu traballo ou outro contido científico ou tecnolóxico nun vídeo de máximo de dous minutos de duración e dunha forma divulgativa e amena.

Esta actividade ten a finalidade de darlle visibilidade ao traballo investigador do persoal da Universidade de Vigo, formar e adestrar o persoal investigador en temas de divulgación e comunicación social da ciencia, e fomentar a divulgación dentro da institución educativa.

O concurso contará con dous premios:

  • Premio do xurado. O premio consistirá nun kit de produtos de iniciación para vlogging, valorado en arredor de 100 euros.
  • Premio do público. Vídeo publicado na canle de YouTube da UCC+i na listaxe «Youtubers científicos» e que conte con máis «gústames». O premio consistirá nun kit de produtos de iniciación para vlogging, valorado en arredor de 100 euros.

O concurso desenvolverase entre os días 17 de xaneiro e o 17 de febreiro de 2022.

Para poder participar, o persoal investigador da UVigo terá que enviar os seus vídeos (ou a ligazón da súa descarga) á conta de correo electrónico da Unidade de Cultura Científica e da Innovación: ucc@uvigo.gal indicando no asunto: Participación no concurso de vídeos Youtubers científicos. No corpo do correo será necesario indicar o nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto, preferiblemente o teléfono móbil .

Posteriormente, subiranse todos os vídeos á canle de YouTube da UCC+i para a súa difusión e valoración por parte do público. As votacións do público estarán abertas entre o 18 e o 24 de febreiro de 2022.

A decisión do xurado e o premio do público anunciaranse o 25 de febreiro de 2022.

Podedes consultar as bases do concurso aquí.