Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Esixencia de certificado sanitario para o acceso ás instalacións deportivas pechadas

Deporte e benestar

18-12-2021 ata: 18-01-2022

Bo dia,

A partir das 0 h do 18 de decembro de 2021 e ata as 0 h do 18 de xaneiro de 2022, en cumprimento do establecido no DOG núm. 241, do 17/12/2021, as persoas usuarias maiores de 12 anos para a práctica de actividade física e deportiva non federada en centros ou instalacións deportivas pechadas, tanto públicas como privadas,  deberán dispoñer dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, ou por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

  1. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Regulamento (CE) 726/2004.
  2. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos test de antíxenos. No caso dos test rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa.
  3. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

 

Co obxecto de procurar a máxima garantía de privacidade e intimidade das persoas, a información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada para os efectos da súa mera comprobación ou verificación. En particular, de acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e da intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos centros a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade, do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e Ios.

 

A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.