Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Comunicado da Reitoría sobre os resultados das probas serolóxicas realizadas ao alumnado nos tres campus

Información xeral

24-10-2020

Comunicado da Reitoría sobre os resultados das probas serolóxicas realizadas ao alumnado nos tres campus

Ao longo desta semana realizáronse probas nos distintos centros da universidade utilizando tests serolóxicos enviados pola Consellería de Sanidade, e que seguirán facéndose nos próximos días. Esta iniciativa da Xunta de Galicia vén complementar a estratexia definida desde o goberno da Universidade baseada na realización de tests aleatorios de PCR mediante saliva (co denominado sistema pooling-PCR) que xa se viñan realizando, e que continuarán ao longo de todo o curso académico.

A Xunta enviou á Universidade de Vigo aproximadamente uns 15.000 tests serolóxicos.

Definiuse un protocolo común para a realización das probas entre a Consellería de Sanidade e as tres universidades galegas, quedando a posta en marcha, a toma de mostras e a organización nas mans das universidades. Co apoio dos centros e os servizos centrais, en moi pouco tempo organizáronse equipos de enfermería para realizar os tests; estes equipos están conformados por profesionais titulados e mais por alumnado voluntario das escolas de enfermería. Vaia por diante o noso agradecemento a todos aquelas persoas que están a prestar este gran servizo á comunidade.

As probas serolóxicas realizadas ata agora (unhas 2500) deron un pequeno número de positivos. Estes positivos teñen que ser confirmados mediante proba PCR, cousa que se está a facer nestes momentos. Nesta situación, o Comité Asesor nomeado polo Consello de Goberno, baseándose nun principio de prudencia, recomendou ao Reitor o cambio de modalidade da docencia por tempo limitado nos grupos, cursos ou titulacións onde hai unha acumulación de resultados positivos non confirmados. Así, onte venres, este comité, de xeito coordinado cos decanos dos centros afectados, recomendou o paso á modalidade de docencia virtual de todas as titulacións impartidas na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte, e do 4º curso da titulación de Publicidade e Relacións Públicas, ambas no campus de Pontevedra. O Reitor, con base nesta recomendación, ditou hoxe unha resolución na que resolve facer efectivos estes cambios de modalidade docente. Isto non supón o peche do centro, só o cambio a docencia online.

Esta decisión preventiva avaliarase de novo o mércores, unha vez que dispoñamos dos resultados das PCR que se van realizar a todos os posibles positivos; entra dentro do posible a volta á modalidade docente anterior (semipresencial ou presencial, segundo o caso), polo que pregamos que os membros destas Facultades estean atentos aos posibles cambios.

Tras un mes de impartición de docencia nas modalidades previstas para o inicio do curso, a situación actual supón a primeira decisión de cambio de modalidade docente. Aínda que non é unha situación desexable e preferiríamos que non tivera chegado, sabemos que a comunidade universitaria se preparou adecuadamente para facelo, e estamos seguros de que os decanatos e direccións dos centros afectados tomarán as medidas que teñen planificadas para que a actividade docente siga adiante coa menor incidencia posible, continuando coas clases  nas aulas remotas correspondentes no horario habitual, ou ben facendo os mínimos axustes nos horarios de ser necesario.

Naqueles casos nos que aparece algún caso positivo illado o comité asesor non considera pertinente o paso á docencia virtual, aínda que procuraremos que aquel alumnado que fora contacto máis próximo nas aulas sexa  informado. Para poder facelo de forma efectiva, insistimos en que é fundamental que nas aulas todos e todas rexistredes o código QR dos postos que ocupedes. Unha vez rematado este operativo continuarase co sistema de pooling PCR en saliva de xeito semanal intentando actuar naqueles sitios que se consideren máis axeitados.

Por último, animamos á comunidade universitaria a seguir traballando arreo nesta situación de dificultade que, desgraciadamente, a evolución da pandemia parece indicar que non será a única neste curso. Levamos tempo preparándonos para isto (preparando aulas, acondicionando novos espazos como xa ocorreu nas probas ABAU) e se fomos quen de sacar adiante o curso pasado sen preparación previa, estamos seguros de que este curso o faremos aínda mellor co esforzo e a colaboración de toda a comunidade universitaria. Estamos convencidos de que os traballadores e traballadoras da nosa universidade demostrarán, unha vez máis, o seu compromiso coa sociedade, reafirmando que a súa vocación de servizo público está por riba das dificultades.