Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
Curso gratuito para o alumnado "Axenda 2030. Axentes do cambio"
Cursos e exames
16-09-2019 ata: 31-12-2019Se queres cambiar o mundo, este é o teu proxecto. Podes matricularte no curso "Axenda 2030. Axentes do cambio", completamente gratis e obterás un crédito 1 ECTS. Podes cursalo ao teu ritmo a través de Faitic e, unha vez superado, formarás parte dos "Axentes do cambio", o grupo de voluntariado da UVigo que dará a coñecer a Axenda 2030 na nosa Universidade.
O mundo non pode agardar, únete á marea do cambio...
O Curso "Axenda 2030. Axentes do cambio" ten unha duración de 30 horas e vai dirixido ao alumnado da Universidade de Vigo que teña un forte compromiso coa protección do medioambiente e coa erradicación das desigualdades no mundo.
A Axenda 2030 é unha resolución da ONU aprobada en 2015 que constitúe a folla de ruta da humanidade para os vindeiros anos. Centrada na protección medioambiental e na erradicación de todo tipo de desigualdades, a Axenda busca que as universidades se impliquen na xeración das condicións para acadar un desenvolvemento máis sostible e inclusivo tendo en conta as limitacións do planeta e o benestar das persoas a través da aplicación dos denominados «Obxectivos de Desenvolvemento Sostible» (ODS).
O principal obxectivo deste curso é formar a estudantes para que desenvolvan unha acción de voluntariado nos tres campus da UVigo na que dean a coñecer o contido da Axenda 2030 e os seus 17 ODS mediante paneis informativos e a organización de actividades.
O curso contará con 25h de formación virtual en FAITIC na que o alumnado accederá aos contidos sobre a Axenda e a vídeos explicativos. As/os estudantes terán unha participación activa a través de foros de debate online e contarán en todo o momento co asesoramento e titorización do equipo docente tanto para elaborar as actividades como para resolver dúbidas
Para completar a formación virtual, o alumnado asistirá a unha sesión de 5 horas presenciais no campus onde estuda un Grao ou Máster na que realizarán obradoiros dirixidos a preparar a acción de voluntariado.