Secretaría Uvigo
.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.
COMUNICADO DA COMISIÓN DE IGUALDADE SOBRE A FOLGA FEMINISTA DE 8 DE MARZO
Información xeral
02-03-2018 ata: 31-05-2018
COMUNICADO DA COMISIÓN DE IGUALDADE SOBRE A FOLGA FEMINISTA DE 8 DE MARZO
Dada a convocatoria dunha folga internacional promovida polos movementos feministas co obxectivo de reclamar unha igualdade real de dereitos entre as mulleres e os homes para o día 8 de marzo baixo o lema «Se nosoutras paramos, párase o mundo», a Comisión de Igualdade da Universidade de Vigo, comunica que apoia a folga feminista convocada.
Considera que a folga feminista é un instrumento axeitado para contribuír ao urxente cambio social que transforme a vida das mulleres e do mundo no que vivimos co fin de situar os coidados e o benestar das persoas como obxectivo do reparto da riqueza.
Entende que o sistema patriarcal actual favorece múltiples discriminacións contra as mulleres, sendo a máis grave a violencia machista, polo que as reivindicacións e as razóns polas que se convoca a folga feminista son xustas e están perfectamente lexitimadas.
Consciente de que o sistema educativo é transmisor de estereotipos de xénero que xeneran as desigualdades, pero sabedora de que a Universidade debe ser unha institución comprometida co progreso social e responsable da promoción de valores igualitarios para acadar sociedades máis democráticas e xustas, anima a toda a comunidade universitaria, especialmente ás mulleres, a sumarse, na medida das súas posibilidades, aos paros laborais e a facer folga estudantil, de coidados e de consumo.
Así mesmo, adhírese á mobilización convocada polo colectivo «Mulleres da UVigo polo 8 de marzo» que terá lugar ese mesmo día ás 12.00 horas diante da Reitoría no Campus de Vigo e a calquera outra convocatoria deste tipo que se faga nos Campus de Ourense e de Pontevedra.
Vigo, 1 de marzo de 2018
- sreitor@uvigo.gal
- +34 986 813 590