É responsabilidade do alumnado consultar os materiais e as novidades a través da plataforma MOOVI ou do Campus Remoto e estar ao tanto das datas de entrega de traballos, probas etc.
AVALIACIÓN CONTINUA:
A docencia desta materia organízase en 2 grupos teóricos e 3 grupos prácticos. A adscrición a cada grupo presencial determinarao a docente, segundo a combinación lingüística e a orde alfabética, e debe respectarse na medida do posible durante todo o curso. En caso de emerxencia sanitaria ou restricións da asistencia activarase a modalidade mixta, de xeito que unha parte do estudantado permanecerá na aula ao tempo que a outra parte seguirá a clase a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo dun modo síncrono. Esta mesma fórmula síncrona será a escollida en caso de que non sexa posible ningún tipo de presencialidade. O establecemento de quendas da docencia mixta é tarefa da dirección do centro (Decanato). As metodoloxías, a atención personalizada e a avaliación serán as mesmas tanto na modalidade mixta, a distancia, como na presencial, mentres que os grupos e as quendas se adaptarán para cumprir coa normativa sanitaria vixente no período de docencia deste curso. A docente resérvase a posibilidade de avaliar a lección maxistral a través de exame oral en Campus Remoto en caso de que non sexa posible acreditar a identidade do alumnado que realiza o exame.
O alumnado deberá entregar unha ficha de clase nas primeiras semanas do curso para manifestar así a súa decisión de acollerse á avaliación continua. A data límite de entrega de ficha será a primeira semana de outubro de 2021, salvo excepción xustificada ante a docente. Se non o fai nese prazo entenderase que renuncia a ela. En todo caso, para poder acollerse a esta modalidade, é necesario entregar TODAS as tarefas nos prazos indicados. O alumnado que por motivos de traballo ou saúde non poida asistir a todas as clases (presencialmente ou por Campus Remoto) deberá comunicarllo á profesora.
Para superar a materia mediante o sistema de avaliación continua, a nota de cada unha das partes deberá ser igual ou superior a 5/10.
AVALIACIÓN ÚNICA:
No caso de non presentarse por avaliación continua, o alumnado deberá presentarse ao exame final de avaliación única e ademais ten que entregar tamén o traballo tutelado (dicionario). A data desa proba será a do exame oficial aprobado pola Xunta de Facultade. Ambas as probas suporán o 100% da materia e terá lugar nas datas que se indiquen oficialmente e que se publicarán tamén na plataforma. O exame constará das seguintes partes: a) Proba teórica tipo test ou resposta curta (30 %) b) Proba práctica (30 %) c) Traballo individual tutelado consistente na elaboración dun dicionario terminográfico (40 %) que se entregará de modo previo á realización do exame na data oficial. É igualmente necesario superar cada unha das partes (proba e diccionario) cun 5/10 para superar a materia.
CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA DE XULLO:
No caso de non superar a materia na primeira convocatoria, o alumnado poderá presentarse ao exame da convocatoria de xullo, que suporá o 100% da materia, salvo indicación en contrario da docente. Esta proba realizarase nas mesmas condicións que se fose de avaliación única (exame teórico e práctico e entrega de dicionario elaborado previamente) e terá lugar na data oficial de exame aprobada en Xunta de Facultade.
Independentemente do sistema de avaliación elixido non superará a materia quen incorra en plaxio ou copia total ou parcial, ao supoñer un 0 na cualificación do traballo, tarefa ou proba plaxiada.
|