No momento de facer a solicitude de defensa na Intranet o estudantado co visto e prace da persoa titora (se existise desacordo entre ambos, prevalecerá a decisión da persoa titora) deberá optar por:
1.- Avaliación do traballo por un tribunal unipersoal (persoa titora):
A persoa titora do TFG será a encargada da avaliación e cualificación. O estudante deberá defender en acto público o seu TFG perante o/a titor/a. A cualificación final estará integrada por:
a) Valoración do traballo: 70%. Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e a presentación e calidade do traballo escrito.
b) Exposición e defensa do TFG: 30%. Avaliaranse a selección, o equilibrio e a organización do contido na presentación oral, a competencia comunicativa oral, o emprego axeitado do vocabulario, así como dos recursos informáticos e as respostas ás cuestións formuladas polo tribunal.
2.- Avaliación do traballo por tribunal colexiado:
A cualificación do tribunal estará integrada pola suma de:
a) Valoración do traballo por parte do/a titor/a: 30%. Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e o traballo escrito.
b) Valoración do traballo escrito e da exposición e defensa do contido do TFG por parte do Tribunal: 70%. O tribunal estará composto por tres profesores/as do Centro. A valoración do tribunal será a media aritmética das notas atribuídas por cada un dos seus membros. Os criterios de avaliación son os seguintes: traballo escrito (70%) e exposición e defensa oral (30%).
A defensa do TFG realizarase, previa convocatoria pública, de forma pública e presencial ante o tribunal unipersoal ou o tribunal colexiado, e consistirá nunha exposición (10 minutos) e unha quenda de preguntas e respostas (10 minutos). O TFG debe ser un traballo persoal no que se constrúa un discurso propio. Cando se utilicen ideas ou palabras doutra autoría acreditarase explicitamente a súa orixe.
O alumnado que non supere o TFG na avaliación do segundo cuadrimestre poderá presentarse á segunda convocatoria no mes de xullo. No caso de obter a cualificación de suspenso, ben sexa na primeira ou segunda convocatoria, o tribunal fará chegar un informe coas recomendacións oportunas ao alumnado e á persoa titora para a mellora do traballo e a súa posterior avaliación.
As datas de entrega da memoria e da defensa do TFG serán publicadas con antelación suficiente na web da Escola Universitaria CEU de Maxisterio: http://www.escuelamagisterioceuvigo.es/estudios/trabajo-fin-grado-magisterio-vigo.php